O colexio de Barcelos recuperará a segunda clase de Infantil ao aumentar as solicitudes de prazas
Por Redacción
A consellería de Educación decidiu incrementar as clases de Infantil para o próximo curso escolar no Colexio Barcelos. Se no presente curso suprimiuse unha das dúas clases por falta de solicitudes para a matrícula, agora presentáronse 23 familias interesadas en matricular aos seus menores de 3 anos no centro, fronte ás 9 que se presentaron en 2015.
A concelleira de Educación, Carmen Fouces, acompañada por representantes do ANPA do centro, anunciaba que agora a aula atoparase menos masificada. Ademais tamén sinalaron que se presentaron 3 solicitudes para incorporar escolares de 4 anos no mesmo centro, o que permitirá tamén recuperar dúas aulas para os menores desta idade.
Segundo a concelleira esta recuperación de persoas interesadas no centro débese á campaña realizada a través dos pais e nais de alumnos, ademais de polas melloras realizadas polo Concello nesa céntrica zona. Carmen Fouces anunciou que para o próximo curso tamén está previsto desenvolver nas aulas de infantil un proxecto de igualdade.
Sonia Canay, integrante da ANPA de Barcelos, apuntou que a este colexio se lle desprestixiaba por contar con unha porcentaxe de alumnos procedentes da "inmigración" cando se trata dun "factor enriquecedor". E afirmou que o centro conta un elevado nivel académico, comparable a calquera outro centro de Pontevedra.
O desdobramento da clase tamén levará a contratación dun docente máis.