Unha volta a Barcelos para reivindicar "o que é xusto" para o colexio
Por Alejandro Espiño
Cun divertido evento deportivo, a ANPA O Galo do colexio de Barcelos volveu vivir este sábado unha xornada reivindicativa. Un centenar de nenos, acompañados dos seus pais, participaron a primeira edición da 'Volta a Barcelos', unha carreira popular ao redor da praza coa que esixiron á Consellería de Educación que amplíe a oferta escolar do centro, devolvendo a aula de Infantil que foi suprimida este curso.
Ademais, a comunidade educativa deste céntrico colexio reclama un profesor de apoio máis e que se afronte dunha vez por todas a rezonificación escolar da cidade, de forma que se reparta dunha maneira máis equitativa os nenos polas escolas pontevedresas, asignando a este colexio barrios cun maior número de alumnos.
Os participantes, que vestían camisetas amarelas e portaban globos da mesma cor -o que identifica o colexio nas súas clases de educación física-, protagonizaron unha carreira polo perímetro da praza, para o que foi necesario restrinxir o tráfico durante uns minutos.
Tras concluír esta marcha, tomou a palabra un dos membros do ANPA do centro, Juan Virel, que lembrou que Educación "pechou unha aula e perdemos unha profesora, como consecuencia quitáronnos un profesor de apoio dos dous que tiñamos no colexio", dúas medidas que reclaman que se corrixan o próximo curso xunto a esa demandada zonificación, para evitar que o colexio "quede seco de nenos".
Virel, en representación de toda a comunidade educativa do centro, lembrou que no CEIP Barcelos hai moitos alumnos con necesidades especiais, nenos de moitas nacionalidades diferentes e numerosos proxectos educativos que non poderán seguir adiante sen recursos, xa que "as accións para manter este tipo de educación non son recortar nin pechando clases".
O acto contou co apoio do Concello de Pontevedra. Unha das asistentes a este evento reivindicativo foi a concelleira de Educación, Carmen Fouces. Afirmou que este centro educativo é "emblemático" e representa "o modelo de cidade que queremos", porque os nenos chegan andando a el, ten unha praza pública diante e o seu equipo docente saca adiante "moi bos proxectos educativos".
Relacionadas:
-
O colexio de Barcelos recuperará a segunda clase de Infantil ao aumentar as solicitudes de prazas
Por Redacción |
-
O Concello peonalizará unha parte da praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Reclaman á consellería de Educación o novo mapa escolar "que leva un ano metido nun caixón"
Por Redacción |
-
Protesta de pais de Barcelos: "Coa cuarta parte do que gastan en conselleiros, teríamos arreglado o problema"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Os nenos redeseñan ao seu gusto a Praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez |