Escolares de Vilaboa e Cuntis coñecen de primeira man o proceso de paz en Colombia
Por Redacción
Alumnos do colexio do CPI Toural de Vilaboa achegáronse ao proceso de paz de Colombia. Foi a través dunha conferencia co cooperante Gerardo Vega, integrante da Fundación Forjando Futuros de Colombia, unha das organizacións que está tendo un papel máis activo nestas negociacións.
A actividade, que se enmarca dentro da terceira edición do proxecto de educación para o desenvolvemento 'Cooperación Galega: O mundo que queremos', terá continuidade este xoves no colexio Don Aurelio de Cuntis.
Gerardo Vega explicou aos rapaces o traballo que están a realizar na súa organización para axudar ás comunidades desprazadas e ás vítimas do conflito armado colombiano, así como a importancia da cooperación para o desenvolvemento para apoiar o proceso de paz.
Quen son as vítimas do conflito armado colombiano, o proceso de restitución das terras ás vítimas, como apoia a cooperación internacional estes procesos e como traballan as contrapartes para conseguir transformar o seu país, é a temática básica destas charlas.
A súa visita a Galicia inclúe, ademais, unha reunión coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior, a participación no Seminario de Xornalismo Social que imparten Agareso e ACPP en Santiago de Compostela e unha charla no Colexio de Avogados de Santiago de Compostela.