VIDEO.- Os nenos de Cuntis, exemplo de integración e diversidade co galego como bandeira
Por Alejandro Espiño
Cada ano que pasa son máis as linguas que están presentes no colexio de Cuntis, pero non só como materias. O número de alumnos de orixe estranxeiro está crecendo o que converte a este centro nun exemplo en materia de diversidade e integración.
Pero a pesar de todos os idiomas que se poden escoitar nel, hai un que é o preferido: o galego.
Así o reivindican os propios alumnos nun vídeo que xa se pode ver a través de YouTube. Todos eles presumen de falar galego e do feito de que, neste ámbito, Cuntis é case como un paraíso para os galegofalantes.
Pero o máis destacado desta peza audiovisual é que os seus principais protagonistas son os alumnos doutras nacionalidades que, uns máis que outros, levan xa tempo vivindo en Cuntis e son un habitante máis da vila, física e lingüisticamente falando.
Nenos e nenas que estudan no CPI Aurelio Marcelino Rey García defenden o uso do galego como ferramenta de inclusión e rapaces de orixe chinés, romanés ou marroquí exhiben o seu dominio do galego e demostran que a súa integración é total.
O vídeo foi elaborado por Sheila Almeida e Daniel Castro, alumnos de 4º da ESO.