O cuadripartito de Sanxenxo avanza na elaboración do orzamento municipal
Por Redacción
Un día despois de que o Partido Popular de Sanxenxo criticase a falta de orzamento municipal, o goberno local confirmou que conta xa cun borrador do documento.
Segundo defende o cuadripartito a situación de tesourería impediu que ata o mes de febreiro se puidese avanzar nos orzamentos "xa que o remanente de tesourería nos últimos anos era negativo e que por primeira vez no último lustro conséguese un equilibro", aseguran.
O Concello de Sanxenxo cumpliu en 2015 cos cocientes legais para a elaboración duns orzamentos, polo que se trasladou a principios de marzo ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas do cumprimento de estabilidade orzamentaria e estabilidade financeira, do nivel de débeda e do teito de gasto.
O cadro de remanentes negativos, que segundo explica o goberno local era en 2011 de -7.378.417 euros e en 2014 -4.164.384 euros, situouse ao peche de 2015 de -1.362.931 euros, unha cifra "perfectamente asumible xa que en calquera caso poderíase artellar un préstamo de lexislatura por unha contía aproximada de 860.000 euros".
Outros dos condicionantes actuais, defenden, é un préstamo dun millón de euros que vence no mes de decembro, co que o remanente de tesourería pasaría a ser positivo. Ademais a administración local asegura cumprir co período medio de pago a provedores esixido por lei, de 30 días.
Esta situación permitirá, explica a grupo de goberno, crear as condicións para aprobar un orzamento "despois de tres anos", deixando atrás un "modelo económico dependente do sector inmobiliario instaurado en Sanxenxo da man de Telmo Martín, que tivo como consecuencia unha fervenza de sentenzas urbanísticas que lesionan as arcas públicas gravemente".