O PP asegura que o goberno local de Sanxenxo é "vago e ineficaz" por non aprobar o orzamento
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular en Sanxenxo expresou as súas queixas ante a falta dun orzamento municipal para este ano 2016.
Os populares lembran que os partidos que agora conforman o goberno municipal foron moi críticos co anterior goberno da alcaldesa do PP, Catalina González, por prorrogar o orzamento nos anos 2014 e 2015, apuntando que "agora xa é responsabilidade súa".
Para o PP, atrasar a aprobación do orzamento "significa que o goberno non ten a posibilidade de mellorar as cousas, de cambiar a política que viña facendo". Como máximo, tan só poden, redistribuír o gasto dentro de una mesma partida.
Neste sentido citan como exemplo os 40.000 euros que ata agora destinábanse á Festa da Raia e que o goberno local só quere gastar a metade. "Os outros 20.000 euros pódenos que gastar noutras festas ou actividades similares, pero en ningún caso en servizos sociais, educación ou rehabilitación dunha fonte", poñen como exemplo.
Tamén lamentan que o Concello, unha vez gastados os 180.000 euros que conseguiu o anterior goberno, non tiña máis diñeiro para continuar a rehabilitación da Casa do Priorado de Arra. Unha circunstancia que segundo asegurán liquidaríase cun novo orzamento local, do mesmo xeito que a posibilidade de asinar convenios con outras administracións para financiar proxectos.
Para o PP que "a estas alturas, o cuadripartito non fora capaz nin sequera de iniciar os primeiros trámites do novo orzamento", é unha demostración de "desleixo, de falta de iniciativa e de liderado", polo que conclúen que Sanxenxo ten un goberno "vago e ineficaz".