Colectivos culturais e deportivos de Marín acordan medidas de presión para lograr instalacións dignas
Por Redacción
Colectivos culturais e deportivos de Marín amosan o seu malestar pola falta de instalacións dignas nas que celebrar actividades e acordaron medidas de presión co fin de que o Concello atenda as súas reivindicacións e habilite canto antes os equipamentos culturais e deportivos dos que carece a vila.
Máis dun cento de representantes e integrantes de diversas entidades sociais, veciñais, culturais, deportivas e políticas convocadas polo Club de Piragüismo Tambo, o Club de Remo Ría de Marín, o Grupo Cultural Ronsel e o Ateneo Santa Cecilia reuníronse na Biblioteca Municipal de Marín e acordaron que ao longo desta semana porán en marcha unha campaña intensiva de recollida de sinaturas, implicando a toda a cidadanía marinense para que se solidarice na procura dunha solución a esta problemática.
Outra das propostas realizadas foi a convocatoria dunha concentración masiva diante da Casa Consistorial coincidindo coa entrega das sinaturas que se recollan durante a campaña. Esta e outras accións iranse concretando en vindeiras xuntanzas dos colectivos.
O voceiro do Club de Piragüismo Tambo, Luis Pesqueira, indicou que dende hai tempo os deportistas adestran en condicións precarias, nun espazo que non reúne as necesidades básicas e de seguridade para a práctica destas disciplinas. Os piragüistas e os remeiros esixen a construcción dunha nave para deportes náuticos; unha petición que, malia ter reunido máis de 2.000 firmas de apoio da veciñanza, non chegou a contar coa receptividade do goberno local.
En representación do Grupo Cultural Ronsel, David Iglesias puxo de manifesto o rexeitamento da veciñanza de Seixo á decisión do Concello de construír un pavillón de deportes nos terreos do campo de fútbol, argumentando que a demanda social pasa por dotarse dun campo de fútbol sen renunciar á posibilidade de ter tamén un pavillón deportivo unido ao centro escolar, para favorecer así a súa utilización en horario lectivo pola comunidade educativa e polo resto da poboación.