AGE levará ao Parlamento Europeo as denuncias de SOS Panadeira
Por Redacción
Este mércores 24 de febreiro, cinco representantes do colectivo SOS Panadeira acudirán ao Parlamento Europeo convidados por Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), para "trasladar a situación que está a vivir a veciñanza de Sanxenxo en loita pola defensa das praias urbanas de A Iriña e A Panadeira, afectada polas ampliacións da entidade privada Real Club Náutico, vinculada ao empresario Pedro Campos Calvo Sotelo".
Durante a súa estancia en Bruxelas, SOS Panadeira manterá unha xuntanza ca eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, a fin de darlle seguimento á denuncia que xa lle trasladaron na xuntanza mantida o pasado mes de decembro en Sanxenxo.
O colectivo veciñal SOS Panadeira leva anos denunciando o emprego de fondos sociais europeos para financiar a ampliación "dun negocio privado, o Real Club Náutico de Sanxenxo, a costa do deterioro irreversible de bens de carácter público e interese social, co consiguiente perxuício para as demais persoas".
As representantes de SOS Panadeira tamén manterán unha xuntanza con integrantes da equipa de traballo do Comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella.