O goberno local analiza con SOS Panadeira a situación da praia dos Barcos
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, mantivo este martes unha reunión con dous portavoces de SOS Panadeira na que repasaron algunhas das reivindicacións que este colectivo ven defendendo nos últimos anos, á vez que puxeron sobre a mesa a necesidade de que o próximo verán a praia dos Barcos conte coas mesmas atencións que calquera dos outros areais do municipio.
Gonzalo Pita estivo acompañado no encontro por Coral González-Faba, concelleira de Medio Ambiente e David Otero, portavoz do goberno local e edil de Economía e os tres coincidiron en ofrecer para esa pequena praia urbana o mesmo tratamento e vixilancia que para o resto.
Neste concepto insistiu sobre todo Coral González-Faba, que trasladou ás dúas portavoces de SOS Panadeira -Nita Rivas e Amelia Soutullo- a súa determinación de que esta é "unha praia máis e estámoslle prestando a mesma atención que ás demais".
E é que desde SOS Panadeira piden o cumprimento do bando municipal que regula o uso das praias e que prohibe, entre outras cousas, a presenza de animais na area.
Ademais de agradecer ao goberno local a súa xestión para conseguir que a rampla de acceso á praia estea agora limpa, as portavoces de SOS pediron ao goberno local que xestione ante Sanidade a condición de "zona de baño" para a praia dos Barcos, unha cuestión que Coral González-Faba comprometeuse a estudar.
Gonzalo Pita, pola súa banda, ofreceu a SOS Panadeira "toda a colaboración posible" e a posibilidade de traballar conxuntamente para a resolución dun conflito que, no fondo, está pendente dunha resolución xudicial.
"Entendemos perfectamente o obxetivo de SOS Panadeira e sempre mostramos unha sensibilidade especial coas peticións que formula este colectivo, e así seguirá sendo". Neste sentido, o alcalde trasladou ás representantes de SOS a súa intención de que o próximo verán a situación sexa totalmente diferente. "Non hai que esquecer que este ano chegamos co verán encima e non tivemos marxe de manobra, pero as cousas serán moi diferentes o ano que ven".
Trátase da segunda reunión mantida polo goberno local e o colectivo SOS Panadeira nesta lexislatura. A primeira tivo lugar o pasado mes de setembro, á que acudiron os portavoces dos catro grupos que conforman o goberno local, e na que xa se abordaron algunhas cuestións de traballo conxunto.
Relacionadas:
-
A Unión Europea investiga se é ilegal a ampliación do Real Club Náutico de Sanxenxo
Por Redacción |
-
AGE levará ao Parlamento Europeo as denuncias de SOS Panadeira
Por Redacción |
-
SOS Panadeira denuncia ante a Garda Civil a limpeza dos barcos no porto de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Consumo arquiva provisionalmente a denuncia de SOS Panadeira contra a venda de atraques
Por Redacción |