En Marea esixe un estudo sobre o impacto das obras do porto deportivo de Sanxenxo sobre as praias
Por Redacción
En Marea trasladou este xoves unha iniciativa á comisión segunda do Parlamento para instar a Xunta a que faga un estudo da afección do pantalán e dos amarres do porto deportivo de Sanxenxo, que teña en conta a conservación do espazo natural público e o dereito da veciñanza ao disfrute dos areais urbanos das Caneliñas, da Iriña e da Panadeira.
O promotor da iniciativa, o deputado Marcos Cal, lembrou que o proxecto incumprira as restriccións de impacto ambiental fixadas para a obra.
Marcos Cal destacou a "contestación social" que tivo a obra no seu día e esixiu que, xa que a Consellería de Medio Ambiente decidiu que non era necesario ningún estudo de impacto ambiental, cando menos se cumpran os compromisos fixados.
O fundamental, para o parlamentario de En Marea é que se respecte por parte do Real Club Náutico de Sanxenxo un espazo de 35 metros entre o pantalán e a praia de Panadeira, cando a distancia actual é da metade, "o que causa unha gran afección para o uso normal da veciñanza dese areal".
PRÓRROGA CONCESIÓN NÁUTICO
Na súa intervención tamén fixo referencia do proceso para a ampliación da concesión por parte do Real Club Náutico, que quere extendela ata o prazo máximo que permite a lei, que son 50 anos, ata o 2047.
"Esta premura na ampliación da concesión dez anos antes de que remate a prórroga cremos que ten que ver con que saben que teñen gobernos do PP amigos nas institucións", lembrou Cal, que pediu que se abra un periodo de exposición pública no concello de Sanxenxo "para que a cidadanía teña oportunidade de acceder a ese proxecto e poidan facer alegacións".
Por outra banda cualificou de "burla" que cando aínda está sen rexenerar a parte do litoral que está afectado pola "construción ilegal" do porto deportivo, se estea falando de dar novas prórrogas.
"Esiximos á Xunta que analice se a concesionaria cumpriu cos termos do contrato porque hai dúbidas máis que razoables de que isto non foi así, polo que se lle debería de retirar a concesión", engadiu o parlamentario, "hoxe vemos como o PP se volveu poñer do lado de Pedro Campos en vez de estar coa cidadanía e estaremos moi pendentes e fiscalizando que non faga o mesmo con este contrato".
Relacionadas:
-
A xustiza avala a ampliación dos pantaláns do Náutico de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Nauta pon a punto o porto deportivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Nauta tamén presentará alegacións á prórroga da concesión do Real Club Náutico
Por Oskar Viéitez |
-
O Náutico de Sanxenxo aclara ao BNG que o que tramita é a ampliación do prazo da concesión
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG alerta da modificación da concesión solicitada polo Real Club Náutico de Sanxenxo
Por Redacción |