O PP provincial esixe á Xunta máis consenso para tramitar a Lei de Acuicultura
Por Redacción
O PP provincial de Pontevedra rebélase contra a Xunta de Galicia, que lidera o presidente do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, en relación coa nova Lei de Acuicultura de Galicia que se atopa en tramitación. Queren que a administración autonómica consensúe o texto co sector antes de aprobalo.
O grupo provincial do partido presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno da Deputación de Pontevedra que tamén se presentará noutros concellos, como o de Poio, e solicita que a Consellería do Mar consensúe a tramitación da lei e abra un período de consultas cos distintos axentes do sector, para "garantir que o texto definitivo recolla o máis fielmente posible as aspiracións da xente do mar de Galicia".
O deputado provincial e concelleiro do PP en Poio, Ángel Moldes, defende a lei en tanto que é "pioneira en Europa" e "asegura o futuro da industria acuícola", pero presenta esta moción tras detectar a "fonda preocupación que existe entre as xentes do mar da nosa provincia".
Na súa opnión, "sería de proveito" consensuar o texto e iniciar unha fase de consultas con todos os axentes do sector a fin de "mitigar as inquedanzas" dos interesados e achegar posturas para acadar unha lei de Acuicultura e un posterior desenvolvemento regulamentario "dialogado e consensuado co sector".