Pontevedra esixirá á Xunta que a nova Lei de Acuicultura se debata con todo o sector
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trasladará ao próximo Pleno da corporación municipal unha moción de apoio ao sector marisqueiro da ría de Pontevedra, de forma que sirva como declaración institucional de rexeitamento do anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia e de petición á Xunta de retirada da norma.
Así se acordou nunha xuntanza que Fernández Lores mantivo este mércores cos patróns maiores das confrarías de Lourizán, María del Carmen Vázquez Nores; de Pontevedra, César Rodríguez Piñeiro e de Raxó, Iago Tomé Blanco.
Este encontro celebrouse pouco despois de que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciara a retirada deste anteproxecto para negocialo co sector, pero a patroa maior de Lourizán sinalou que agardan que non sexa unha estratexia para que "isto se calme e despois volver a presentala" e que, de verdade, se negocie coa xente do mar.
A Lei de Acuicultura que pretende aprobar a Xunta de Galicia, sinalaron tanto os patróns maiores como o alcalde, supón de feito a "privatización" do mar e un "atentado" contra os intereses da xente que traballa nel.
Todos coinciden en que o anteproxecto presentado busca implantar a "peixicultura intensiva" a escala industrial e vai a autorizar a cultivar todo tipo de especies, incluso foráneas e exóticas, que poderían acabar sendo invasoras do medio natural.
Ademais, lamentan que se faga unha lexislación que beneficia "claramente" ás grandes empresas internacionais e pode supoñer, coa implantación de novas infraestruturas de acuicultura en calquera punto da costa, unha "destrución incontrolada" do noso litoral.