Receo a mollar o churro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Moitos dos que habitualmente almorzan nos bares e cafeterías da cidade do Lérez declinaron este venres acompañar o seu café con leite cos tradicionais churriños.
A sospeita instalouse no sector hostaleiro desde que se fixo pública este xoves a bautizada como Operación Churro, na que axentes da Garda Civil e inspectores da Consellería de Sanidade localizaron e clausuraron en Campolongo un obradoiro de churros clandestino que presentaba "graves deficiencias hixiénico-sanitarias".
Numerosos cidadáns esixiron que se dean a coñecer os nomes dos establecementos de hostalería da cidade nos que se consumían os churros que este obradoiro clandestino elaboraba entre raticidas e feces de roedores.
Ante a falta de información neste sentido, calquera churro é agora visto con suspicacia, e aínda que poidan pagar xustos por pecadores, os clientes piden agora explicacións aos seus hostaleiros pola orixe do churro.
En parte este receo parece xustificado polo gran número de establecementos que segundo o Seprona compraban estes churros clandestinos, máis dunha quincena e algún hotel.
Desde o mugriento obradoiro de Campolongo, no que nunca houbo o máis mínimo control sanitario nin, obviamente fiscal, repartíase o produto a domicilio, segundo informaron fontes da investigación.
Relacionadas:
-
Propoñen unha sanción de 15.000 euros para os 'churreiros clandestinos'
Por Redacción |
-
Investigan a dúas responsables do obradoiro clandestino de churros por delitos de tráfico
Por Natalia Puga |
-
Desmantelan un obradoiro clandestino de churros que servía a locais do centro de Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada