Desmantelan un obradoiro clandestino de churros que servía a locais do centro de Pontevedra
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Churros fabricados nun local que presentaba graves deficiencias hixiénico-sanitarias. Era o que distribuían os responsables dun obradoiro clandestino que abastecía a unha decena de establecementos de hostalería da cidade. Este mércores foi desmantelado pola Garda Civil e o local xa está clausurado e os seus responsables, denunciados.
O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil realizou unha inspección no local, ubicado na zona de Campolongo, e atopouse con que na mesa de elaboración da masa dos churros había esparexido material de raticidas mesturado con feces de roedores. O habitáculo, onde tamén se almacenaba a mercadoría e a maquinaria propia da venda ambulante, non cumpría os requisitos mínimos de salubridade.
Ademais, os axentes que inspeccionaron o local contabilizaron ata unha vintena de bolsas de lixo grandes sen xestionar no interior do local e interviñeron nun arcón conxelador carnes, embutidos e outros produtos de alimentación con datas de consumo preferente pasadas. Esta comida estaba presumiblemente conservada para darlle uso na actividade de venda ambulante e foi intervida pola Garda Civil.
O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil conseguiu desmantelar o obradoiro como froito dunha investigación iniciada a finais do mes de novembro. Os axentes tiveron coñecemento da existencia dun local que non tiña ningún rótulo comercial no que se elaboraban churros para a súa posterior distribución e venda a establecementos de hostalería. Conseguiron fixar os horarios e itinerarios da repartición e nas fases iniciais da investigación, en colaboración cos inspectores do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Xunta de Galicia para comprobar os establecementos de hostalería aos que se vendía e distribuía a mercadoría, todos eles no centro urbano da cidade.
Nunha segunda fase da investigación, este mércores, os axentes conseguiron abortar a entrega dunha partida de churros nun establecemento hostaleiro da cidade. De forma simultánea, inspeccionáronse as instalacións do obradoiro e corroboraron que alí se traballaba sen ningún tipo de control sanitario, industrial e fiscal, con deplorables condicións hixiénico-sanitarias.
Os feitos descubertos incumpren a normativa para a defensa da calidade alimentaria, de modo que o Seprona e os inspectores de Sanidade levantaron un acta conxunta suspendendo a actividade do obradoiro, clausurando o local e intervindo todos os produtos que non cumprían as esixencias sanitarias.
De momento, os responsables do obradoiro non foron denunciados por cometer ningún delito, senón por unha infracción administrativa. Ademais, agora investigarase se algún dos establecementos que adquiría os churros tamén puido cometer algunha infracción.
Ao fío da publicación desta noticia, e ante o balbordo ocasionado pola operación 'Churro' na cidade de Pontevedra, dende a Xerencia da churraría Kuki Galiano quixeron aclarar oficialmente que non serven churros a ningunha cafetería de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Seprona, tres décadas protexendo moito máis que a natureza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Propoñen unha sanción de 15.000 euros para os 'churreiros clandestinos'
Por Redacción |
-
Investigan a dúas responsables do obradoiro clandestino de churros por delitos de tráfico
Por Natalia Puga |
-
Receo a mollar o churro en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |