Pontevedra volverá a optar a fondos europeos, con críticas do PP ao proxecto do goberno local
Por Redacción
Na reunión do Consello Económico e Social (CES) celebrada na tarde deste mércores 25 decidiuse presentar, por unanimidade, a candidatura a unha nova partida de fondos europeos do DUSI, desenvolvemento urbano sustentable integrado, dentro do proxecto FEDER.
Nesta reunión na que se atopan representantes das principais forzas políticas, sindicais e empresariais decidiuse que se elabore unha estratexia coa intención de presentar un proxecto "participativo", segundo a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, antes do 13 de xaneiro, data na que se pecha o prazo de entrega. Ao tratarse dun concello con máis de 50.000 habitantes pode optarse a unha axuda superior aos 15 millóns de euros para melloras no municipio.
Estas axudas son equiparables ás do Plan Urban, concedidas ao Concello de Pontevedra no mandato do alcalde popular Juan Luís Pedrosa, para a rehabilitación do centro histórico.
Desde o Partido Popular, o concelleiro César Abal lamentou que o goberno local haxa decidido contratar o proxecto unilateralmente a unha consultora seguindo, segundo os populares, as directrices do BNG. Abal cualifica o proxecto de "malo e difuso" fronte ao que presentarán outras cidades que levan tempo traballando nesta solicitude de axudas.
Segundo denuncian os populares, o concelleiro nacionalista César Mosquera tamén presentou este proxecto en 2008 sen consultar cos seus socios de goberno de entón, os socialistas liderados por Teresa Casal, e a proposta de Pontevedra quedou fóra destas subvencións europeas.
No Consello Económico e Social acordouse tamén poñer en marcha o observatorio de datos económicos a cargo da Universidade de Vigo a través dun programa denominado SIS (Sistema de Información de Pontevedra) para analizar os datos económicos e as opcións de cara ao futuro.
O CES que se estendeu durante máis de tres horas volverase a convocar antes de que finalice o ano para tratar outros temas que quedaron fóra da sesión deste mércores como o Plan de Emprego.
Relacionadas:
-
Pontevedra recibe dez millóns de fondos europeos para o seu proxecto "+Modelo Urbano"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello e a Universidade mellorarán os accesos ciclistas entre o campus e o centro da cidade
Por Redacción |
-
Alianza entre a Deputación e o norte de Portugal para optar aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Tomeza, Salcedo e Lourizán fan as súas suxestións para optar aos fondos europeos
Por Redacción |
-
O goberno local optará aos fondos europeos coa intención de acelerar proxectos en marcha
Por Redacción |