O goberno local optará aos fondos europeos coa intención de acelerar proxectos en marcha
Por Redacción
Proxectos como o que se iniciará o día 4 na contorna da zona verde de Pasarón obtería un importante impulso na súa realización se a Comunidade Europea premia a Pontevedra coa concesión de 15 millóns de euros a través dos fondos DUSI, dentro dos fondos FEDER, a cuxa convocatoria presentarase o Concello de Pontevedra.
Os concelleiros Carmen Fouces e Luís Bará indicaron que se está traballando para elaborar o proxecto para poder presentarse antes do 15 de xaneiro, data na que se pecha o prazo de candidatos.
O concelleiro de Patrimonio manifestou que a candidatura parecía feita para o perfil de Pontevedra porque as liñas estratéxicas recollen os obxectivos temáticos de lograr unha cidade intelixente, con novas tecnoloxías, para os que se destinarían 2 millóns de euros. 4,5 millóns destinaríanse a melloras no apartado de cidade sustentable centrada no medio ambiente e eficiencia enerxética; 6,1 millóns para o apartado de melloras saudables e 5,4 millóns para fomentar a integración de sectores en situación de exclusión.
En total, 18 millóns de euros que irían destinados ás propostas para este proxecto, que coincidiría coas propostas do goberno local.
As melloras tentaríanse dividir en espazos territoriais como a contorna da ría, coa ponte do Burgo e a urbanización de Monte Porreiro. Tamén se traballaría no ámbito de Mollabao, das parroquias de Salcedo ou de Marcón e en espazos naturais como o parque da Fracha, o Camiño dos Gafos e o Camiño Portugués a Santiago.
Bará engadiu que a estratexia está definida polo goberno local e que a concesión destes fondos podería acelerar estes proxectos realizándose con máis diñeiro e, por tanto, rebaixando o tempo de execución de 15 a 12 ou 10 anos.
Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social, apuntou que dentro do proxecto buscarase a potenciación do Centro Social Sur, nas instalacións da ONCE, ademais de fomentar a participación de escolares.
Aqueles cidadáns que queiran realizar achegas a este proxecto poden facelo a través da páxina maismodelo.pontevedra.gal/. Ambos os concelleiros indicaron que na presentación do proxecto incluirán a relación de premios obtidos por Pontevedra polo seu modelo de cidade.
Relacionadas:
-
Pontevedra recibe dez millóns de fondos europeos para o seu proxecto "+Modelo Urbano"
Por Alejandro Espiño |
-
Apoio unánime aos proxectos que Pontevedra presentará aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas presentan as súas propostas ao Concello para a convocatoria de Fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Cerponzóns tamén quere a súa parte dos fondos europeos
Por Redacción |
-
Un "food lab market" para dinamizar a praza de abastos
Por Marisa Ciordia |
-
Alianza entre a Deputación e o norte de Portugal para optar aos fondos europeos
Por Alejandro Espiño |
-
Tomeza, Salcedo e Lourizán fan as súas suxestións para optar aos fondos europeos
Por Redacción |
-
Pontevedra volverá a optar a fondos europeos, con críticas do PP ao proxecto do goberno local
Por Redacción |