O Banco de Alimentos precisa 180 voluntarios para Pontevedra, Marín e Sanxenxo
Por Redacción
Búscase voluntarios para a Gran Recollida Solidaria da Fundación Provincial Banco de Alimentos prevista para os próximos días 27 e o 28 de novembro. Desde esta agrupación piden a colaboración de 700 persoas para toda a provincia. No caso da comarca de Pontevedra e arredores precisan 30 solidarios en Marín, 70 en Sanxenxo e 80 en Pontevedra.
En toda a provincia xa hai apuntadas 800 persoas pero necesítase chegar aos 1.500 voluntarios que terán que desprazarse aos máis de 130 supermercados que participarán neste proxecto durante eses dous días.
Neste sentido, a terceira edición desta Recollida Solidaria contará con parte do persoal da Unidade de Servizos de Base de Pontevedra da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) e da Escola Naval Militar de Marín. Achegarán, ademais, cinco furgonetas e dous camións para trasladar os alimentos.
O obxectivo da ONG é superar a cifra de 265.000 quilos de alimentos recollidos durante a última fin de semana de novembro de 2014. Co que se recolla axudarase a 150 colectivos sociais da provincia e será posible achegar produtos indispensables a unhas 25.000 persoas con dificultades.
Os alimentos máis necesarios nesta recollida son o leite, o aceite, as galletas, o cacao e todo tipo de conservas.
Ao longo de 2015 repartíronse xa preto dun millón de quilos de alimentos, o que se traduce nunha media de 100.000 quilos mensuais. A embaixadora desta edición é a actriz María Castro e o lema que se utiliza é "A fame non se ve, a gratitude si".
Para ser voluntario da Fundación Provincial Banco de Alimentos con sede en Vigo hai que darse de alta a través do formulario colgado en bancoalimentosvigo.org ou chamar ao 986.263.022.
Relacionadas:
-
Alimentos para 25.000 pontevedreses ata a próxima primavera
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos en Pontevedra necesita 350 voluntarios
Por Redacción |
-
Veteranos do Celta e o Concello de Sanxenxo renden homenaxe a Canosa
Por Redacción |
-
Quen canta reza dúas veces e se leva un quilo de arroz, tres
Por Redacción |