O Banco de Alimentos en Pontevedra necesita 350 voluntarios
Por Redacción
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo necesita para Pontevedra e comarcas máis próximas a uns 350 voluntarios para poder levar con éxito a Gran Recollida Solidaria (GRS2015), prevista o 27 e 28 de novembro.
Esta petición realizouna este luns, en rolda de prensa, o presidente a entidade, Pedro Pereira, quen animou aos pontevedreses para sumarse a esta experiencia solidaria para axudar aos que peor o están pasando na actualidade. Durante a GRS2014 participaron en Pontevedra un total de 220 voluntarios.
Acompañado por responsables do Banco de Alimentos na súa sede de Pontevedra, Alfonso García e José Luis Doval, Pereira detallou as distintas formas de converterse en voluntarios da ONG. A maneira máis fácil é cubrindo o formulario colgado na web, aínda que o interesado tamén pode enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a info@bancoalimentosvigo.org ou, tamén, chamando ao 986 263022.
O DÍA A DÍA CONTINÚA SENDO COMPLICADO
O máximo responsable da Fundación Provincial Banco de Alimentos indicou que a pesar de que as cifras macroeconómicas apuntan á súa recuperación, en termo de microeconomía, ou o que é o mesmo, "o día a día de moitas familias" continúa sendo "complicado" e, no caso da entidade, os quilos de comida entregados non só non diminuíron, senón que aumentaron.
No que vai de ano repartíronse 1 millón de quilos de alimentos na provincia
No que vai de ano 2015 en toda a provincia de Pontevedra, repartíronse entre as ONGs e colectivos co que traballa preto de 1 millón de quilos de alimentos (993.550kg.). Durante 2014, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 1,3 millóns de quilos de alimentos na provincia.
No caso concreto de Pontevedra e desde que comezou a funcionar a sede da ONG na rúa Faustino Santalices "hai agora un ano aproximadamente-, entregáronse xa uns 83.000 quilos de alimentos, o que se traduce nunha media de 11.000 quilos de comida mensuais.
GRAN RECOLLIDA SOLIDARIA
Preto de 25 hipermercados e supermercados de Pontevedra, Sanxenxo, Vilagarcía e Marín sumaranse a esta iniciativa solidaria.
O obxectivo da ONG en Pontevedra para a GRS2015 é superar a cifra de 49.000 quilos de alimentos recolleitos durante o último fin de semana de novembro de 2014. Trátase de poder seguir axudando aos 24 colectivos cos que traballa e, a través dos cales, chega a unhas 2.800 persoas con dificultades na súa zona de actuación.
Mentres que na GRS2014 fíxose especial fincapé en que, entre os produtos básicos doados houbese alimentos infantís, nesta ocasión e ante a necesidade que segue habendo, pídese comida non perecedoira de todo tipo sendo o leite, o aceite, as galletas e o cacao o máis demandado.