Máis de 100.000 quilos de comida en seis meses para axudar aos máis necesitados
Por Redacción
Un total de 100.020 quilos de comida chegaron durante os seis primeiros meses deste ano ás familias máis necesitadas da zona de Pontevedra da man da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo. A repartición permitiu axudar a unhas 4.000 persoas con dificultades.
Os datos supoñen un incremento do 20% con respecto ao mesmo período de 2015 e, en base a eles, o presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, conclúe que "a realidade é que segue habendo moita necesidade na nosa provincia e non podemos baixar a garda".
Os colectivos sociais aos que axuda a ONG continúan aumentando a demanda de comida, como demostran as cifras relativas ao comezo do segundo semestre do ano. No que vai deste mes de xullo, o almacén que ten o Banco de Alimentos na rúa Faustino Santalices está a dobrar o número de quilos de alimentos entregados. Este incremento tamén vén motivado polo feito de que durante o agosto a actividade da Fundación Provincial Banco de Alimentos redúcese.
"A fame non colle vacacións", indica Pedro Pereira, para engadir que o persoal do Banco de Alimentos de Vigo xa comezou a preparar a súa cuarta Gran Recollida Solidaria, prevista para a fin de semana do 25 e 26 de novembro.
Esta Gran Recollida supoñerá unha cita fundamental para a provisión de produtos de primeira necesidade por parte da ONG. Cos alimentos recolleitos durante a mesma poderase manter o stock de alimentos durante varios meses. De feito, durante a de 2015 recibíronse máis de 80.000 quilos en Pontevedra cidade, Vilagarcía, Sanxenxo, Marín e Lalín.
Relacionadas:
-
Gonzo, padriño da gran recollida solidaria do Banco de Alimentos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Banco de Alimentos recolle en Pontevedra e Portonovo preto de 5 toneladas de comida
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos xunta 10.000 quilos de comida nunha nova recollida solidaria
Por Redacción |
-
Pontevedra e Sanxenxo recollen 4.500 quilos de comida na Operación Quilo
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos recolle 3,6 toneladas na primeira Operación Quilo de Pontevedra e Vilagarcía
Por Redacción |
-
O Banco de Alimentos en Pontevedra necesita 350 voluntarios
Por Redacción |