Unha iniciativa autonómica busca prohibir o sacrificio na canceira provincial
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera lanzou a campaña #Sacrificiocero para acabar coa chamada "eutanasia" de animais sans que fosen abandonados ou deixados á súa sorte en canceiras, refuxios e mesmo clínicas veterinarias, cuxo final se repite cada ano entre 3000 e 5000 gatos e cans sacrificados sen ningún tipo de oportunidade alternativa.
Os animalistas subliñan que as cifras de sacrificio de animais sen doenzas nin enfermidades son "escandalosas en Galicia" e pon como exemplo os modelos alternativos que funcionan en Cataluña e outros estados europeos, onde os poderes públicos promoven a prevención do abandono de animais domésticos a través do impulso de campañas de sensibilización e "vetando esta práctica que se converteu en territorio galego en política demasiado habitual".
O actual modelo de Centro de Acollida de Animais (CAAN), cun sistema de recollida sobre a práctica totalidade dos municipios da provincia de Pontevedra é, a xuízo dos animalistas, "insustentable e pouco práctico, onde o sacrificio se incrementa desde a apertura do centro de Armenteira en 2013 e sobre o que propoñen modificar radicalmente o modelo de funcionamento para eliminar o sacrificio como política".
A campaña da Asociación Animalista Libera iniciouse cunha petición na plataforma de activismo dixital Change.org que xa cultivou case 6000 firmas en apenas 48 horas desde o seu lanzamento (www.sacrificiocero.com) e que está a xerar unha onda de comentarios positivos e a favor da súa posta en marcha. A organización pretende recoller un mínimo de 25.000 rúbricas para trasladar a súa reivindicación ao Parlamento de Galicia.
Relacionadas:
-
Sete abandonos diarios, media de actuación da canceira provincial
Por Redacción |
-
A Garda Civil investiga un veciño de Meaño por matar dous cans que entraran no seu galiñeiro
Por Redacción |
-
Anxo, o primeiro can acollido en Armenteira, atopa unha familia despois case tres anos
Por Redacción |
-
Rescatado un cachorro dun colector de lixo en Caldas
Por Redacción |