Anxo, o primeiro can acollido en Armenteira, atopa unha familia despois case tres anos
Por Redacción
O mes de xaneiro foi un bo mes para os cans máis maiores do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Máis do 60% dos animais adoptados foron adultos que levaban moitos meses no centro de Armenteira agardando por unha persoa interesada na súa atención. En total foron 40 os que conseguiron unha segunda oportunidade nas primeiras semanas de 2016.
Os traballadores do CAAN levan dende sempre concienciando aos seus visitantes sobre a importancia de adoptar cans adultos e en especial os máis 'velliños' da canceira, que xeralmente precisan duns coidados maiores pero que en contraprestación teñen unha mellor adaptación ao seu novo fogar. De feito, dende a Deputación estase a traballar nunha nova campaña informativa para a cidadanía en xeral que se porá en marcha nos vindeiros meses co obxectivo de buscar novos donos para os máis veteranos .
ANXO, UN DESEXO CUMPRIDO
Algunhas das adopcións que se sucederon neste ano foron especialmente emotivas, tanto polo tempo que os cans levaban no centro como polas condicións nas que foran recollidos no seu día.
O pasado día 25 de xaneiro foi adoptado o primeiro can recollido polo CAAN. Foi o primeiro inquilino das instalacións da Armenteira logo de ser atopado o día 8 de abril de 2013 no Concello de Fornelos de Montes. Tiveron que pasar 2 anos, 8 meses e 17 días para que Anxo, nome co que o can foi bautizado polos traballadores á súa entrada no centro, atopara unha nova familia que estivera disposta a darlle o cariño e as atencións e coidados que precisa. Nesta ocasión foi Eduardo, un veciño de Vilanova de Arousa, quen sen sabelo tomou a decisión de adoptar ao can máis veterano.
A adopción foi moi significativa e importante para todo o plantel de veterinarios e coidadores xa que, a maiores de implicar unha boa nova para un gran amigo que se foi gañando o cariño de todos, supón unha nova motivación para manter a esperanza en que cans como el, que levan máis de dous anos no centro, poidan atopar unha nova familia.
NOVA VIDA EN GALICIA
Silvinha foi recollida en xullo do 2014 no concello de As Neves. Segundo indicaba o seu microchip procedía de Portugal, onde residía o seu propietario. O CAAN realizou diferentes requirimentos e notificacións ao dono, tendo que denuncialo finalmente por abandonar á cadela á súa sorte.
Os veterinarios destacan as condicións nas que Silvinha chegou ao centro, posto que presentaba fortes infeccións oculares e de oído, así como unha sarna xeralizada. No CAAN trataron as súas enfermidades e mesmo realizaron a intervención cirúrxica que precisaban os seus ollos. A pesar de todos os seus padecementos, Silvinha sempre tivo un carácter moi bo, demostrando o seu agradecemento polas atencións recibidas e facéndose querer todos os días polos seus coidadores. Rematado o tratamento a cadela recuperou a súa beleza natural, o que fixo posible que, a pesar da súa avanzada idade, atopara unha familia perfecta para ela. Nesta ocasión foron Ruth e a súa parella os que tomaron esta decisión tan importante.
No CAAN agardan que outras persoas tan xenerosas como Eduardo e Ruth opten por incrementar a súa familia adoptando un can adulto, dándolle unha segunda oportunidade a outros animais con nomes propios como Amor, Souta, Alan, Rómulo, Cristina... e así emendar a conduta irresponsable de algunhas persoas, que os abandonaron e previamente incluso os maltrataron.
As persoas interesadas en adoptar un can poden visitar o centro de Armenteira ou consultar a páxina web (www.caan.depo.es), onde se poden atopar fotografías e datos puntuais de todos os animais que están nas instalacións. Tamén se pode chamar por teléfono ao 986 140 360, onde o persoal do centro facilitará toda a información solicitada.
Hai que lembrar que a adopción non supón ningún custe para o interesado, premiando así a decisión de adoptar fronte á de comprar un animal. Os cans recollidos no CAAN, ademais, son entregados aos seus novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados.
Relacionadas:
-
Inician unha campaña contra o abandono de cans porque "está na túa man"
Por Diego Espiño |
-
Sete abandonos diarios, media de actuación da canceira provincial
Por Redacción |
-
Unha iniciativa autonómica busca prohibir o sacrificio na canceira provincial
Por Redacción |
-
Cada día abandonan seis cans na provincia
Por Redacción |
-
Máis de 3.000 animais rescatados e 500 adopcións, balance do CAAN no seu primeiro ano e medio
Por Redacción |