A Garda Civil investiga un veciño de Meaño por matar dous cans que entraran no seu galiñeiro
Por Redacción
A Garda Civil identificou un veciño de Meaño de 68 anos de idade como presunto autor dun delito de malos tratos aos animais. O home non foi detido pero atópase en calidade de investigado. Acúsaselle de abater a dous cans empregando un arma de fogo tras entrar na súa propiedade e atacar a 15 galiñas, dándolles morte, durante o sábado 19 de marzo ao mediodía.
Segundo a Garda Civil, os axentes recibiron unha chamada telefónica na central da Comandancia na que se denunciaba a detonación de varios disparos supostamente de escopeta de caza no lugar de Padrenda, en Meaño.
Unha patrulla da Garda Civil de Sanxenxo foi ata a casa na que o home realizara os disparos de escopeta dando morte aos cans para citarlle a declarar no xulgado. O investigado declarou ser o autor material dos feitos, manifestando que os cans entrarar atacando ás galiñas. Os dous animais atopábanse na finca do veciño con impactos de perdigóns na faciana.
Os axentes interviñeron a arma de lume empregada, unha escopeta Franchi de calibre 12, e a munición. As dilixencias foron entregadas no Xulgado de Instrucción número dous de Cambados, onde terá que presentarse o investigado cando sexa requerido.