O cumio de alcaldes sobre Ence queda descafeinado ante a ausencia de María Ramallo
Por Redacción
O encontro entre alcaldes da ría para adoptar medidas en relación cunha posible continuidade da factoría de Ence na súa actual localización de Lourizán quedou descafeinada ante a decisión da alcadesa de Marín, María Ramallo, de renunciar a asistir a esta reunión convocada polo rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores. Ambos os dous dialogaron telefonicamente durante a mañá e a alcaldesa popular emitiu un comunicado escusando a súa ausencia por entender que se trataba dun "cumio antiEnce" e que o emprego e a actividade portuaria da vila se ven moi afectadas pola presenza da fábrica pasteira.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, tampouco asistiu ao encontro porque os representantes do equipo de goberno acudiron á manifestación de Vigo polos recortes sanitarios. Tampouco Luciano Sobral, alcalde de Poio, puido achegarse a Pontevedra delegando no tenente de alcalde, Xulio Barreiro. O único alcalde que se entrevistou con Miguel Anxo Fernández Lores foi o de Sanxenxo,Gonzalo Pita, da agrupación SAL. Pita indicou que presentará unha moción para que se debata en pleno solicitando ao goberno central que non adopte medida ningunha en relación coa continuidade da fábrica de Ence na ría antes das eleccións xerais.
O alcalde de Sanxenxo sinalou que SAL aínda non debateu sobre este tema en asemblea, pero que persoalmente considera que os tempos teñen que ir cambiando e que o futuro vai coidar o medio ambiente aínda que a decisión de que a fábrica desapareza da súa localización "non lle vai gustar a todo o mundo".
Miguel Anxo Fernández Lores insistiu en que a liberación da ría de Ence supoñería a recuperación dun espazo público e apuntou á riqueza ambiental e turística que conlevaría a recuperación das marismas. "A ría é única no mundo e non podemos deixala ocupada por unha industria que impide o desenvolvemento", indicou o alcalde.
O rexedor pontevedrés afirmou que se están a manter contactos con movementos asociativos e se levará a cabo unha reunión conxunta para marcar a folla de ruta que se adopte antes das eleccións para evitar que a concesión se prorrogue por outros 75 anos.
En canto aos traballadores, Fernández Lores indicou que el entendía que acudisen aos plenos para defender os seus postos de emprego pero que "a quen teñen que reivindicarllo é á empresa" indicando que dende 1978 a entidade sabe que ten que abandonar este espazo.
ELNOSA
Sobre a petición de entrevista por parte do comité de empresa de Elnosa para tratar o seu futuro en Lourizán, Fernández Lores afirmou que aínda non tomara unha decisión pero que que as posturas están moi claras e entende que non ten sentido "rizar o rizo" cando a empresa xa asinara un convenio coa Xunta para abandonar Lourizán. "Todo o que dixen de Ence está multiplicado por cinco con Elnosa", apuntou o alcalde capitalino.
Relacionadas:
-
En dous anos Ence reducirá en máis dun 90% a auga que capta do Lérez e a que verte á ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Verducido é o único membro da mancomunidade de montes de Pontevedra que ten acordos con Ence
Por Oskar Viéitez |
-
Os colectivos ecoloxistas piden á cidadanía que sexa "combativa" para sacar a Ence-Elnosa da ría
Por Redacción |
-
Os traballadores de ENCE poderán intervir no Pleno da Deputación
Por Redacción |
-
Os traballadores de Elnosa ampáranse na eliminación de emisións de mercurio para que a fábrica siga en Lourizán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
'Cumio' municipal sobre ENCE cos alcaldes de Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Pontevedra
Por Natalia Puga |