Verducido é o único membro da mancomunidade de montes de Pontevedra que ten acordos con Ence
Por Oskar Viéitez
Das trece comunidades que forman parte da Mancomunidade de Montes de Pontevedra tan só a de Verducido ten un acordo coa empresa Ence para a venda da madeira, segundo asegurou o presidente desta entidade, Juan González.
Os comuneros pontevedreses participaron este martes nunha reunión co alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, dentro da "folla de ruta" marcada polo goberno local para coñecer o seu posicionamento ao respecto da continuidade do complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán máis alá do ano 2018.
Fernández Lores está implicado "nunha campaña intensa que pode rematar nunha gran mobilización social", segundo explicou o propio alcalde.
Dende a Mancomunidade de Montes de Pontevedra sinalaron como "inexactas e mesmo tendenciosas", algunhas das informacións publicadas pola empresa. É o caso da afirmación de que, de marcharse Ence de la Ría de Pontevedra, os propietarios forestais non terán a quen venderlle a madeira. Neste sentido sinalaron que as comunidades de montes, que son propietarios forestais importantes en Galicia, venden boa parte da súa produción en Portugal, Asturias e outras zonas da Península Ibérica.
Ademais sosteñen que a afirmación de que a proximidade da fábrica na Ría de Pontevedra beneficiou aos propietarios forestais da bisbarra "tampouco é certa, porque Ence nunca pagou máis por tal proximidade". E aseguraron que os veciños de Salcedo ou Lourizán, que teñen a madeira ao pé da fábrica, "nunca cobraron nin un céntimo de máis por tal motivo".
As comunidades de montes pontevedresas reiteraron que os prezos pagados por Ence "son con frecuencia inferiores aos do resto de España". Por iso en moitas ocasións venden a súa madeira en Aveiro ou Navia (que curiosamente tamén pertence a ENCE). "Nesta situación, a situación física da fábrica non ten relevancia para o sector forestal", apuntan.
Tamén indican que a afirmación de que é o motor do emprego forestal en Pontevedra é "rotundamente falso" e que os empregos directos xerados por Ence "son mínimos entre a industria pontevedresa, e mesmo son minoritarios no propio sector forestal".
Finalmente a Mancomunidade de Montes de Pontevedra conclúe que o sector forestal galego precisa dunha industria de pasta de papel e dunha papeleira que complete o ciclo da fabricación de papel e derivados en Galicia pero subliñan que "a situación máis correcta", as condicións industriais e ambientais, e as características da futura concesión "deben ser feitas publicas pola Xunta de Galicia e negociadas co sector industrial".
Relacionadas:
-
A Confederación de empresarios galegos expresa o seu apoio a Ence
Por Redacción |
-
En dous anos Ence reducirá en máis dun 90% a auga que capta do Lérez e a que verte á ría de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Os colectivos ecoloxistas piden á cidadanía que sexa "combativa" para sacar a Ence-Elnosa da ría
Por Redacción |
-
O cumio de alcaldes sobre Ence queda descafeinado ante a ausencia de María Ramallo
Por Redacción |