Lores e o modelo urbano de Pontevedra abren unha nova edición dos cursos de verán da UNED
Por Redacción
Máis de 250 persoas participan, presencialmente e a distancia, desde este mércores nunha nova edición dos cursos de verán da UNED en Pontevedra.
O centro asociado situado en Monte Porreiro abriu a xornada co curso Inestabilidade emocional e agresividade na infancia e adolescencia: intervencións positivas, que contou coas intervencións de Miguel Ángel Carrasco e Victoria del Barrio, profesores de departamento de Psicoloxía da Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da UNED.
Ambos presentaron, ante o case centenar de participantes do curso, as principais causas e factores que interveñen nos problemas infantís interiorizados, tales como a depresión e a agresión.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, inauguraba o ciclo estival de Igualdade, xustiza e discapacidade, introducindo aos asistentes a cidade de Pontevedra como exemplo de mobilidade universal. A continuación foi Manuel Jesús García, profesor honorífico e catedrático emérito da Universidade quen se dirixía á audiencia presente para abordar as medidas contra a desigualdade feminina na sociedade e no dereito.
A terceira proposta formativa, Tempos de constante reforma penal. Unha análise desde a ciencia do Dereito Penal e a Criminoloxía, dirixida a profesionais do ámbito xurídico, quedaba inaugurada cos relatorios de José Núñez, profesor de Dereito Penal da UNED e Juan Manuel Lacruz, que ao longo da tarde, presentaron diferentes aspectos da recente reforma do código penal.
Para rematar, máis dun centenar de asistentes, presos e externos, participaron no seminario Utilización da arteterapia para a concienciación sobre roles de xénero, celebrado no Centro Penitenciario da Lama, sede ata o venres deste curso de verán