A UNED de Pontevedra adianta o seu prazo de matrícula
Por Oskar Viéitez
A UNED abriu o 3 de xullo o prazo de matriculación para estudos de Grao e Másteres oficiais na UNED, de forma que os estudantes poderán realizar o proceso sen necesidade de esperar ao mes de setembro, como era habitual. Trátase dunha nova medida que a universidade adopta para facilitar aos seus alumnos a planificación e xestión dos seus estudos, e que se suma á decisión tomada en febreiro deste ano de abrir, por primeira vez, un segundo prazo de matrícula.
O proceso poderase realizar ata o 25 de outubro, aínda que permanecerá interrompido do 1 ao 16 de agosto con motivo do peche vacacional da universidade. Seguindo a política iniciada o curso pasado, abrirase un segundo prazo de matrícula dende o 1 de febreiro e ata o 7 de marzo de 2016. Non obstante, a universidade recomenda aos seus estudantes de novo ingreso que realicen a matrícula antes do 1 de outubro para poder beneficiarse das accións do Plan de Acollida e dos servizos académicos dende o inicio do curso.
Outra das importantes novidades introducidas é a ampliación dos prazos para aboar a matrícula, que pasará de dous a catro. Desta forma, os estudantes poderán aboar o 40% do importe total no momento da formalización da matrícula e o 60% restante en tres prazos iguais a finais de outubro, novembro e decembro. O proceso de matrícula, como en cursos anteriores, será completamente online a través da páxina de matriculación da web da UNED.
ONDE GRAOS COMBINADOS
Para o próximo curso 2015-2016 a UNED amplía a súa oferta de Graos Combinados con dúas novas opcións: Socioloxía e Ciencia Política e da Administración, e Educación Social combinado con Traballo Social.
Desta forma, son xa 11 os Graos Combinados aos que poden optar os alumnos no Centro Asociado. Esta modalidade permite obter dúas titulacións de Grado distintas cursando unha completa e, como máximo, a metade dos créditos necesarios para a obtención da segunda.
É importante recordar que as titulacións que integran os Graos Combinados se poden cursar por separado ou de forma simultánea e que existe unha gran diferenza cos denominados "Graos Dobres", pois estes proporcionan un só título mentres que, coa variante combinada, os estudantes obteñen dous títulos de Grado completamente independentes.
Relacionadas:
-
Lores e o modelo urbano de Pontevedra abren unha nova edición dos cursos de verán da UNED
Por Redacción |
-
A Uned propón catro cursos de verán en Pontevedra, que poderán seguirse por streaming
Por Redacción |
-
O centro de Monte Porreiro primeira sede da UNED en España en poñer en marcha un curso 100% online
Por Redacción |