A Uned propón catro cursos de verán en Pontevedra, que poderán seguirse por streaming
Por Redacción
O Centro Asociado á Uned en Pontevedra, situado en Monte Porreiro, acolle do 1 ao 3 de xullo catro cursos de verán que permitirán o encontro entre profesores, estudantes e profesionais do dereito, a educación e a psicoloxía. A principal novidade que se formula este ano reside en que as intervencións poderán seguirse por streaming, de modo que calquera persoa cun dispositivo con conexión a Internet poderá participar.
Dúas das propostas dentro dos cursos céntranse en formas de educación e intervención educativa dirixida a psicólogos e educadores. Desta forma, o curso "Inestabilidade emocional e agresividade na infancia e adolescencia: intervencións positivas" aborda as problemáticas máis frecuentes encontradas na etapa infantil e xuvenil que están relacionadas cos hábitos e os comportamentos dos nenos. Abordarase dende o punto de vista da depresión, a agresión e o consumo.
Nestes relatorios participan profesionais como Victoria do Barrio Gándara, profesora de Psicoloxía da Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Uned, Pablo Varela Castejón, Fiscal de menores da Audiencia de Pontevedra ou Francisco Castaño Mena, director xunto a Pedro Aguado de Aprenderaeducar.org, proxecto educativo de adestramento a familias.
O Centro Penitenciario da Lama tamén se converterá en sede dun dos cursos co seminario "Utilización da arteterapia para a concienciación sobre roles de xénero". Os reclusos asistirán para traballar estas técnicas como medio de expresión artístico-creativa.
Para inscribirse nestes cursos, que teñen unha carga lectiva de 20 horas e estarán recoñecidos con 2 créditos de libre configuración ou 1 crédito ECTS, poderán facelo a través da web da UNED en Pontevedra ou dirixíndose ás instalacións do Centro Asociado na rúa Portugal de Monte Porreiro.
Todas as actividades terán un custo de matrícula de 108 euros. Para universitarios, membros da UNED e persoas en situación de desemprego, o prezo será de 63 euros. Os alumnos con minusvalidez contarán unha matrícula ata os 22 euros e para os membros de familia numerosa especial será gratuíta. Todos os cursos contan cunha edición presenza e outra online.
Relacionadas:
-
A UNED de Pontevedra, un dos tres centros de España que mantén cursos de verán en centros penitenciarios
Por Redacción |
-
A UNED de Pontevedra adianta o seu prazo de matrícula
Por Oskar Viéitez |
-
Lores e o modelo urbano de Pontevedra abren unha nova edición dos cursos de verán da UNED
Por Redacción |