O Constitucional falla a favor de Sogama no seu conflito con Pontevedra e o Concello cualifica de "lamentable" a decisión
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Tribunal Constitucional rexeitou o recurso de amparo do Concello de Pontevedra polo canon de Sogama e obriga á corporación a pagar os 4,7 millóns de euros que debe, á parte dos intereses de demora, segundo sinalou o ente público nun comunicado.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou na súa sentenza, de outubro de 2013, a doutrina respecto á interpretación do contrato formalizado entre as partes en 1997, no marco do cal o Concello de Pontevedra non recoñeceu o canon único aplicado pola empresa pública en 2004 e apelaba á existencia dunha cláusula enerxética.
Non obstante, sinala Sogama no seu comunicado, "Pontevedra seguiuse rexendo por unha addenda ao contrato de 1997 malia que nesta se concretaba que o canon estipulado non era definitivo e que se substituiría cando se puidese determinar a taxa definitiva por tonelada para todos os municipios en igualdade de condicións".
Sogama vén facturando ao Concello de Pontevedra 67,18 euros, IVE á parte, por tonelada de lixo tratado nas súas instalacións, pero a corporación estívolle a pagar 17,74 euros menos por tonelada.
Dende a entidade pública lamentan que o Concello de Pontevedra "non quixese entender o concepto de canon único" e que a súa decisión vaia ter "importantes repercusións" nas arcas municipais.
O CONCELLO VE "LAMENTABLE" ESTA RESOLUCIÓN
Para o goberno municipal, esta decisión do Tribunal Constitucional "nos resulta lamentable", segundo indicou a PontevedraViva o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima. Explicou que rexeitan o recurso pontevedrés ao entender que non hai vulneración ningunha nos dereitos fundamentais do Concello, cando ao seu entender a sentenza do TSXG limita "claramente" o dereito á tutela xudicial efectiva ao admitir un recurso irregular presentado por Sogama.
"Este tribunal tiña que desaparecer porque non cumpre coa súa función de velar para que non exista vulneración de dereitos neste país"
"Non é unha boa noticia para calquera administración ou cidadán que acuda ao Tribunal Constitucional", asegurou Vicente García Legísima que, visiblemente enfadado, afirmou que esta resolución xudicial "lévanos a pensar con todo o respecto que este tribunal tiña que desaparecer porque non cumpre coa súa función de velar para que non exista vulneración de dereitos neste país".
O concelleiro de Patrimonio lamentou que o Constitucional se convertese "en algo que non debería ser, un órgano político", algo ao que contribúe, dixo, que os seus membros sexan elixidos polos partidos que teñen maioría parlamentaria no Congreso dos Deputados. Con decisións como esta, reiterou, "se deteriora aínda máis a imaxe que teñen os cidadáns da Xustiza".
En todo caso, o edil do BNG negou que este veredicto supoña que o Concello teña que pagar os 4,7 millóns de euros que reclama Sogama, xa que o se analizaban eran unha serie de facturas de 2008 que ascenden a uns 250.000 euros. O resto da débeda segue xudicializada con diferentes procedementos abertos nos tribunais de primeira instancia de Pontevedra e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
García Legísima recordou que, dende hai uns meses, Sogama e o Concello se encontran negociando un acordo para poñer punto e final a esta guerra xudicial. Ambos os dous comprometéranse a que nestas conversacións non ían incidir as resolucións xudiciais, independentemente de quen gañara nos tribunais. "Agardamos que cumpran co que estaba pactado", concluíu.
Relacionadas:
-
O PP reclamará ao Goberno local os datos sobre a cantidade total da débeda acumulada con Sogama
Por Redacción |
-
O PSOE pide unha Xunta de Voceiros urxente para recibir explicacións sobre a débeda de Sogama
Por Redacción |
-
O Concello descarta "absolutamente" subir o recibo do lixo pola sentenza de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
Sogama e o Concello inician negociacións para chegar a un acordo extraxudicial pola débeda
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello presenta un recurso contra as novas condicións de adhesión a Sogama
Por Redacción |
-
Unha nova sentenza obriga o Concello a pagar 1,2 millóns de euros a Sogama
Por Redacción |
-
Pontevedra leva ao Tribunal Constitucional o seu preito polas facturas de Sogama
Por Alejandro Espiño |