O PSOE pide unha Xunta de Voceiros urxente para recibir explicacións sobre a débeda de Sogama
Por Redacción
O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández González, quere que se convoque unha Xunta de Voceiros de Pontevedra con carácter urxente na que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, aporte ao resto de partidos con representación na corporación as explicacións oportunas sobre a situación actual da débeda do Concello con Sogama e tamén sobre que alternativas se barallan para o seu pagamento.
Agustín Fernández fai esta petición a raíz de que o Tribunal Constitucional non admitira o recurso de amparo presentado polo Concello de Pontevedra contra Sogama. Despois desa novidade xudicial, o voceiro socialista quere coñecer as repercusións económicas que terá para a Administración local e as medidas que se pensa adoptar para facer fronte a débeda consolidada polos servizos de traslado do lixo. Quere tamén que escoiten as propostas que poida facer o grupo socialista.
O socialista lembra que a Xunta de Voceiros é un órgano municipal que, entre outras funcións, ten a de informar aos portavoces municipais sobre as situacións políticas de especial relevancia para o Concello. Considera que o Sogama é de gran importancia porque a inadmisión do recurso implica a obriga firme de facer fronte a unha débeda da que aínda non lle foi comunicado o importe total, senón estimacións que a sitúan en máis de cinco millóns de euros.
"Está claro que unha cantidade deste tipo vai condicionar o futuro dos orzamentos e probablemente das inversións e dos gastos do Concello", sinala o socialista no escrito oficial que entregou no Concello para pedir a reunión. Na súa opinión, o asunto é o suficientemente serio e "vai necesitar do esforzo e do acordo de todos para acadar unha solución axeitada".
Relacionadas:
-
O Concello descarta "absolutamente" subir o recibo do lixo pola sentenza de Sogama
Por Alejandro Espiño |
-
O Constitucional falla a favor de Sogama no seu conflito con Pontevedra e o Concello cualifica de "lamentable" a decisión
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Sogama e o Concello inician negociacións para chegar a un acordo extraxudicial pola débeda
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra leva ao Tribunal Constitucional o seu preito polas facturas de Sogama
Por Alejandro Espiño |