Consumo arquiva provisionalmente a denuncia de SOS Panadeira contra a venda de atraques
Por Redacción
Como unha "tomadura de pelo" cualificaron os voceiros de SOS Panadeira a decisión do Instituto Galego de Consumo de arquivar de forma provisional a demanda civil interposta por este colectivo de Sanxenxo contra o anuncio da venda por parte do Real Club Náutico de atraques no novo peirao fronte ás praias Dos barcos e Panadeira.
SOS Panadeira presentara un escrito hai oito meses ante Consumo advertindo que non se podían poñer á venda estas prazas de atraque mentres non houbese unha resolución xudicial, xa que entendían que se os tribunais fallan en contra do Náutico de Sanxenxo se xerarán un prexuízo ás persoas que tivesen comprado un amarre.
Pola contra Consumo considera que non debe actuar de xeito preventivo polo que lle traslada a SOS Panadeira a que "unha vez que se emita a decisión xudicial, nolo comunique".