A Xunta subvenciona a construción dunha pista de pádel en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas recibiu a notificación de Vicepresidencia da Xunta pola que se lle concede unha subvención destinada á construción dunha pista de pádel ao aire libre.
Este equipamento será constuido nuns terreos municipais existentes entre o pavillón e a pista de tenis ao aire libre o que permitiría acondicionar este espazo, agora en terra, e completar a oferta municipal en materia de infraestruturas deportivas existentes en Chan da Barcia.
A pista de pádel ao aire libre, que conta cun presuposto duns 49.000 euros, terá un uso gratuíto para os veciños do municipio, tal e como acontece nestes momentos coa de tenis.
Ademais aproveitarase para axeitar ese anaco de terreo cun formigón raiado, que mellorará a imaxe de toda a zona.
A subvención concedida pola Xunta de 33.054,49 euros financia o 80% do investimento e o Concello de Ponte Caldelas só terá que asumir o 20% do custo total, ademais do IVE. O alcalde xa anunciara que a obra só se executaría se se concedía a subvención tal e como sucedeu, porque así a cantidade que terá que achegar o concello é perfectamente asumible (menos de 17.000 euros).
Segundo o alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, esta actuación supón unha oportunidade de completar o complexo deportivo existente en Chan da Barcia, o cal xa conta con campo de fútbol de herba sintética, pavillón deportivo municipal completamente renovado e pista de tenis recentemente acondicionada, ademais dunha pista multideportiva e un parque biosaludable situada na zona verde anexa ao río Verdugo, xunto á pasarela de madeira.
Relacionadas:
-
Finalizan as obras da pista de pádel de Chan da Barcia
Por Redacción |
-
Perfecto Rodríguez reivindica a súa última obra tras deixar a Alcaldía de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Unha pista de pádel e renovar o convenio cos comerciantes, últimas decisións de Perfecto Rodríguez
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas quere unha pista de pádel ao aire libre
Por Redacción |