O dono do Grupo InterRías e os seus fillos néganse a declarar ante a xuíza pola trama de Monbus
Por Redacción
Carlos Américo Troncoso Poceiro, propietario do Grupo InterRías de Sanxenxo, e os seus fillos Carlos e Susana Troncoso González negáronse este venres a declarar ante a xuíza Pilar de Lara, que os citara en calidade de imputados no marco da operación Cóndor contra a corrupción, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Os tres imputados trasladáronse a Lugo para prestar declaración no Xulgado de Instrución número 1, pero cando entraron no despacho da súa xuíza titular, Piar de Lara, acolléronse ao seu dereito a non declarar. Pasada as 17.00 horas deste venres todos abandonaron os xulgados e mostraron unha actitude pouco agradable cara aos medios de comunicación presentes. Segundo recollen a axencia Europa Press ou o xornal La Voz de Galicia, o propietario de InterRías encarouse cos fotógrafos e invitounos a gañarse a vida dunha maneira "limpia", como indicou que fai el mesmo.
No marco da operación Cóndor, que se segue por delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, tráfico de influencias e suborno, foron detidas ata agora dez persoas, pero están imputadas 13, pois Américo Troncoso e os seus fillos non foron detidos, só imputados. Tras a súa comparecencia deste venres no xulgado, segundo informou o TSXG, seguen imputados, pero non se lle impuxo ningunha medida preventiva.
Entre os detidos están o propietario da empresa Monbus e presidente do club de baloncesto Obradoiro da Liga ACB, Raúl López López, outras tres persoas vinculadas co Grupo InterRías, entre elas, o seu director xeral, Gustavo Fernández, e a esposa e nai dos tres últimos imputados, Isolina González.
Américo Troncoso encarouse cos fotógrafos e invitounos a gañarse a vida dunha maneira "limpia"
Ademais, o xoves 19 de marzo realizáronse rexistros en dúas sedes de InterRías e en tres dos hoteis vinculados ao grupo con sede na vila sanxenxina, Gran Talaso Sanxenxo, Carlos I Silgar e Novo Astur. Neles os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) interviñeron un millón de euros en metálico gardados en bolsas.
A xuíz De Lara xa tomou declaración aos dez primeiros e mantívoos imputados, pero deixou en liberdade a todos eles, se ben a Raúl López lle impuxo o pagamento dunha fianza de 20.000 euros, a obriga de comparecer no xulgado cada luns e mércores e a prohibición de saír de España. Para garantir o cumprimento desta medida, retiróuselle de forma preventiva o pasaporte.
Ao xenro de Raúl López e director comercial do grupo Monbus, Rafael Casqueiro Álvarez, a xuíza impúxolle o pagamento dunha fianza de 15.000 euros e no resto dos casos non se impuxo ningunha medida preventiva. Entre eles tamén está o xefe financeiro de Monbus, Jesús Uríz Santé; dous empregados da empresa en Madrid; e dous militares do Exército de Terra.