O dono do Grupo InterRías e dous fillos, imputados na trama de Monbus
Por Redacción
Carlos Américo Troncoso Poceiro, propietario do Grupo InterRías de Sanxenxo, está citado a declarar en calidade de imputado no marco da operación contra a corrupción Cóndor, na que hai unha semana foron detidos o propietario da empresa Monbus e presidente do club de baloncesto Obradoiro de la Liga ACB, Raúl López López, e outras nove persoas.
O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, decidiu chamar a declarar a tres persoas máis na causa, que se segue por delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, tráfico de influencias e suborno.
Entre eles están Américo Troncoso e os seus dous fillos, C.T.G. e S.T.G. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) indicou que deberán comparecer como imputados nos xulgados de Lugo ás 16.30 horas deste venres. Ata o momento, non transcendeu que delitos se atribúen aos tres novos imputados, que elevan a 13 o total de persoas investigadas nesta causa.
Entre as persoas detidas na primeira fase da operación xa había tres vinculadas co Grupo InterRías, axencia de viaxes almacenista con sede en Sanxenxo, entre elas, o seu director xeral, Gustavo Fernández, e a esposa do propietario, Isolina González.
Ademais, o xoves 19 de marzo realizáronse rexistros en dúas sedes de InterRías e en tres dos hoteis vinculados ao grupo con sede na vila sanxenxina, Gran Talaso Sanxenxo, Carlos I Silgar e Novo Astur. Neles os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) interviñeron un millón de euros en metálico gardados en bolsas.
A xuíz De Lara xa tomou declaración aos dez primeiros e mantívoos imputados, pero deixou en liberdade a todos eles, se ben a Raúl López lle impuxo o pagamento dunha fianza de 20.000 euros, a obriga de comparecer no xulgado cada luns e mércores e a prohibición de saír de España. Para garantir o cumprimento desta medida, retiróuselle de forma preventiva o pasaporte.
Ao xenro de Raúl López e director comercial do grupo Monbus, Rafael Casqueiro Álvarez, a xuíza impúxolle o pagamento dunha fianza de 15.000 euros e no resto dos casos non se impuxo ningunha medida preventiva. Entre eles tamén está o xefe financeiro de Monbus, Jesús Uríz Santé; dous empregados da empresa en Madrid; e dous militares do Exército de Terra.
Relacionadas:
-
O dono do Grupo InterRías e os seus fillos néganse a declarar ante a xuíza pola trama de Monbus
Por Redacción |
-
Liberade con cargos e baixo fianza de 20.000 euros para Raúl López, presidente de Monbus
Por Redacción |
-
En liberdade con cargos os detidos en Sanxenxo en relación á trama de Monbus
Por Redacción |
-
Cinco detidos en Pontevedra en relación coa trama de Monbus
Por Redacción | Creada e actualizada