O Parque do Espiñeiro será totalmente remodelado
Por Redacción
A Comisión de Contas do Concello de Sanxenxo abordou este xoves a proposta do Goberno local relativa ao financiamento da remodelación integral do Parque do Espiñeiro, en Portonovo, "un dos máis concorridos de todo o concello o que provoca necesidade de remodelalo".
O Executivo sanxenxino pretende acometer esta obra utilizando para iso o remanente do aforro derivado da aplicación do Real Decreto Lei 17/2014, do 26 de decembro, restante despois de aboar á empresa La Unión o importe pendente de 349.109 euros.
"Tras efectuar ese pagamento contaremos aínda con preto de 73.000 euros, dos que 46.500 os empregaremos en acondicionar O Espiñeiro e outros 26.500 euros irán destinados a ampliar a bolsa de axudas de Emerxencia Social", comentaron dende o equipo de Goberno.
A actuación proxectada no Parque Público do Espiñeiro busca reparar, ampliar e reordenar os xogos existentes na área infantil, crear unha zona anexa en céspede artificial antiestático, así como ampliar o circuíto biosaludable debido á elevada demanda veciñal.
"Trátase dun espazo con grande afluencia de usuarios que en ocasións queda escaso polo que dende o Concello de Sanxenxo apostamos por conservar, mellorar e aumentar esta zona de recreo", afirmou o Executivo.
Para iso, dende a Concellaría de Medio Ambiente xa tramitaron a autorización pertinente ante o Servizo Provincial de Costas do Estado xa que esta actuación se desenvolverá nunha localización de Dominio Público Marítimo Terrestre.
Tal e como explicou o edil delegado desta área, José Luis Rodríguez, "este é un proxecto actualizado do redactado hai tres anos e para o que non obtivemos ou financiamento necesario".
Esta actuación incluirá, pois, o arranxo dos xogos e a instalación doutros dous, a reparación das superficies de caucho danadas e a dotación de céspede artificial no perímetro das área infantís, ademais da colocación doutros oito elemento biosaludables.