Máis de 46.000 euros para remodelar o parque do Espiñeiro, en Portonovo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acaba de iniciar a remodelación integral do Parque do Espiñeiro, en Portonovo, unha actuación "necesaria debido a que se trata dun dos espazos públicos de recreo máis utilizados do municipio e que precisa dun acondicionamento dada a afluencia que rexistra", explicou o concelleiro de Medio, José Luis Rodríguez.
A Administración sanxenxina investirá nesta actuación unha contía que ascende a 46.500 euros que servirán para reparar, ampliar e reordenar os xogos existentes na área infantil, crear unha zona anexa en céspede artificial antiestático, así como estender o circuíto biosaludable debido á elevada demanda veciñal.
Esta intervención levará consigo o arranxo dos xogos e a instalación doutros dous, a reparación das superficies de caucho danadas e a dotación de céspede artificial no perímetro das áreas infantís, que pasarán a estar unidas; así como a colocación doutros oito elementos biosaludables destinados á práctica de exercicio por parte de adultos.
Paralelamente, José Luis Rodríguez está a tramitar o expediente para a substitución dos bancos deste espazo, acción que levaría consigo destinar 4.800 euros.