O PSOE de Marín presenta unha moción para que se canalice o leito do río detrás do Pavillón da Laxe
Por Redacción
A caída dun muro da parte traseira dun dos almacéns do pavillón do colexio da Laxe o martes 3 de marzo provocou a reacción por parte do PSOE de Marín que denuncia que os alicerces están a sufrir a erosión da auga do río que rodea a instalación deportiva.
Por este motivo, os socialistas presentan unha moción na que insta a Augas de Galicia a que canalice a canle do río nas proximidades do pavillón da Laxe, de maneira que a auga non siga socavando as cimentacións. E culpan a Delegación de Educación de ter abandonado o control da erosión que a auga producía nesa zona.
Ante esta situación, reclaman tamén á Delegación de Educación que elabore un informe sobre a seguridade do espazo deportivo que é utilizado polos alumnos do centro. Neste sentido, piden a execución dun proxecto de reposición dos muros perimetrais en condicións de seguridade unha vez arránxense os problemas derivados da acción da auga.
A moción insta ademais a que no proxecto se considere unha entrada exterior ao pavillón, desvinculada do centro, na parte próxima aos vestiarios, para que os veciños da vila poidan utilizar este espazo da mesma forma que o pavillón do Sequelo. Os socialistas tamén aproveitan para reclamar o incremento no Presuposto xeral do Concello das partidas destinadas a equipamentos deportivos para facer labores de mantemento axeitados.
Relacionadas:
-
Novo asfaltado para O Casal e o Colexio Sequelo, o Pavillón da Laxe terá que esperar
Por Oskar Viéitez |
-
Demolición do almacén e un muro no colexio da Laxe
Por Oskar Viéitez |
-
O Pavillón da Laxe poderá seguir empregándose malia a caída da parede dun almacén próximo
Por Redacción |
-
A obra do pavillón da Laxe "será das primeiras" dos vindeiros orzamentos de Educación
Por |
-
A comunidade educativa de A Laxe implícase contra as deficiencias do pavillón
Por Redacción |