A comunidade educativa de A Laxe implícase contra as deficiencias do pavillón
Por Redacción
Pais, alumnos e persoal educativo do colexio A Laxe de Marín secundaron a concentración de protesta convocada pola Asociación de Nais e Pais para manifestar o seu malestar polas deficiencias que presenta o pavillón do centro. Entre as 8.45 e as 9.00 horas entre 80 e 100 persoas apoiaron con pancartas a petición á Xunta de Galicia de que acometa a reforma "cuanto antes".
A presidenta do ANPA, Natividad Soliño Alfalla, recordou que as queixas dos pais, secundadas agora por persoal docente e alumnos se centran nas gretas que presenta a estrutura do pavillón e en deficiencias nos vestiarios, que impiden que se poidan impartir con todas as garantías as clases de educación física.
Para debatir as necesarias obras de mellora, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, anunciou este xoves que o luns se reunirá coa Anpa e coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra. Os pais anunciaron que acudirán.
O xefe territorial de Educación asegura que "non está a correr risco polo uso dos vestiarios"
Pérez Ares, referiuse ás demandas da ANPA de A Laxe durante unha visita ao colexio Froebel de Pontevedra e asegurou que "se trata dunha obra prioritaria que aumentou de orzamento polas exixencias de Augas de Galicia ao verse afectado o edificio por un regato. En canto haxa capacidade orzamentaria porase en marcha esta obra que ten un custo que rolda os 200.000 euros".
Insistiu en que o alumnado "non está a correr risco polo uso dos vestiarios do pavillón xa que non se están a utilizar" e engadiu que "se lle deu á Anpa outra opción máis barata: facer os vestiarios nunha antiga residencia de Mestres, aínda que foi rexeitada esta posibilidade xa que os país aseguraban que os nenos se mollarían porque a vivenda está a poucos metros do pavillón".
Pérez Ares recordou que o pavillón non é un edificio da Consellería de Educación pero que "esta vaise implicar xa que os nenos deben dar clase de ximnasia en condicións dignas".
Relacionadas:
-
O PSOE de Marín presenta unha moción para que se canalice o leito do río detrás do Pavillón da Laxe
Por Redacción |
-
A obra do pavillón da Laxe "será das primeiras" dos vindeiros orzamentos de Educación
Por |
-
Os pais do colexio A Laxe de Marín inician protestas polo mal estado do pavillón
Por Natalia Puga |