Iñaki Bretal, finalista ao premio Cociñeiro do ano 2015
Por Alejandro Espiño
Un dos cociñeiros pontevedreses con maior proxección, Iñaki Bretal, segue acumulando recoñecementos. O xefe de cociña do Eirado da Leña é un dos cinco finalistas do prestixioso premio Cociñeiro do ano 2015, organizado polo Fórum Gastronómico da Coruña. Trátase dun premio que recoñece a novos profesionais que teñen en común a utilización de produtos de proximidade, o respecto pola terra e a súa relación cos pequenos produtores.
Opta ao premio xunto a Alberto Lareo (Manso, Santiago), Gorka Rodríguez (Pulpería de Melide, A Coruña), María Varela (Parada das Bestas, Lugo) e Nacho Rodríguez (Gastromanía, Palmeira).
Os finalistas foron escollidos por un xurado de expertos que, sobre Iñaki Bretal, destacan que tras traballar como cociñeiro e xefe de cociña en hoteis de Cantabria e Galicia, "hoxe presume de ter o seu propio restaurante dende onde deleita aos padais máis esixentes con pratos variados, suculentos e de gran calidade. O seu obxectivo foi montar nun restaurante o comedor dunha casa e sacar o mellor do mellor produto baseándose na sinxeleza".
Agora, serán os votos do público os que elixan o gañador. No portal web www.cocineirodoano.com pódese votar aos distintos candidatos, ata o día 10 de marzo. Entre todos os participantes se sorteará unha comida, para dúas persoas, en cada un dos restaurantes nominados.
A entrega de premios terá lugar o domingo 15 de marzo, primeira xornada do Fórum Gastronómico, no Auditorio do evento que se celebrará en ExpoCoruña. Cada un deles elaborará unha receita en directo.
O Fórum Gastronómico celebrarase do 15 ao 17 de marzo, cun nutrido programa de actividades e unha feira coas mellores empresas do sector enogastronómico.
Relacionadas:
-
Diego Cordeiro, cociñeiro do Parador de Cambados, gaña un concurso nacional de tapas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra tamén 'namora' a Fitur co seu aclamado potencial gastronómico
Por Redacción |
-
O restaurante Corinto de Alba, galardoado co Premio de gastronomía de Galicia
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada