Pontevedra tamén 'namora' a Fitur co seu aclamado potencial gastronómico
Por Redacción
A gastronomía é unha das grandes bazas turísticas que ten a cidade de Pontevedra. Non hai dúbida algunha do seu atractivo e da súa calidade. De aí que a presenza pontevedresa na Feira Internacional de Turismo (Fitur) tivese como protagonista a nosa cociña. Foi, especialmente, a través dunha gala de promoción celebrada na terraza do hotel ME Meliá e á que asistiron un cento de profesionais de turismo e comunicación ou representantes de grandes empresas.
A estratexia de singularizar a Pontevedra na gran feira do turismo centrouse, deste xeito, nun acto afastado da sobreoferta das naves do Instituto Feiral de Madrid (Ifema) e dirixido especificamente a prescriptores e profesionais dos distintos subsectores.
Na terraza deste distinguido hotel madrileño, situado na emblemática praza de Santa Ana, estiveron, entre outros, axencias de viaxes, empresas de asesoría turística, asociacións dedicadas á organización de feiras e congresos ou ao turismo de negocios e incentivos, hoteleiros, axencias de turismo rexionais e locais e directivos do Spain Convention Bureau. Pero tamén houbo xornalistas ou blogueiros de gastronomía e viaxes.
A gala estivo centrada ao redor do potencial gastronómico de Pontevedra. Os asistentes tiveron ocasión de degustar as tapas e cócteles gañadores do recente concurso PontedeTapas. A hostalería local estivo así representada por Xosé Cannas (restaurante Pepe Vieira), Iñaki Bretal (Loaira), Rubén González (El Cafetín), Juan José Barreiro (Taberna Zentola), Ángela Aldao (Casa Verdún), Carlos Vidal (Cáncamo), Rubén Paz (PTV) e Jacobo Barragáns (Central).
A calidade da proposta sorprendeu e mereceu varias felicitacións, ata o punto de que algúns dos hostaleiros pontevedreses recibiron posibles propostas de colaboracións comerciais.
Carlota Román fixo unha presentación de Pontevedra definíndoa como unha cidade "de mesa e mantel" e recalcou o potencial da hostalería local, como ben demostra o éxito do concurso PontedeTapas, que serviu máis de 40.000 racións na súa última edición. Os asistentes tiveron boa ocasión de comprobalo cos pratos e cócteles que se serviron a continuación.
A concelleira de Turismo falou da capital das Rías Baixas como un enclave que está cerca de case todo en Galicia e que é un auténtico tesouro histórico, arquitectónico e natural. Situouna como epicentro do Camiño de Santiago e non esqueceu citar a súa tradición cultural e o potencial das súas festas, con alusión especial ao inminente Entroido co loro Ravachol como estandarte.
Aproveitando a presenza de profesionais da empresa e da comunicación enxalzou que Pontevedra consolidouse nestes últimos anos como cidade de feiras, congresos e xuntanzas de incentivos. A cercanía e comodidade do Pazo da Cultura e o Recinto Feiral explican boa parte desta traxectoria, engadiu. Finalmente, aludiu á creación da Pontevedra Film Commissión, que se está a traducir nas primeiras rodaxes de producións audiovisuais na cidade.
Xosé Cannas tomou brevemente a palabra para recalcar que a gastronomía de Pontevedra, como a galega, é a mellor de España. Un dato que, explicou, ten que ver coa capacidade dos profesionais, pero, sobre todo, co feito de que en Galicia temos o mellor produto.
A gala gastronómica estivo acompañada dunha intensa actividade nas redes sociais, ata o punto de que a etiqueta #pontevedraenfitur foi unha das máis activas durante a xornada de onte xoves, con case 3,8 millóns de impresións e unha audiencia de 505.000 persoas para os 576 tuits publicados.
Relacionadas:
-
Todos a tapear por Pontevedra!
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Pontedetapas adianta a mediados de novembro a súa oitava edición
Por Alejandro Espiño |
-
El Cafetín, sen premio no concurso "De tapas por Galicia"
Por Redacción |
-
El Cafetín representará a Pontevedra no concurso 'De tapas por Galicia'
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra explica as claves do éxito da súa política feiral no "Spain Convention Bureau"
Por Redacción |
-
As Rías Baixas conquistan o corazón de Madrid
Por Marcos del Río |
-
O PP pulsa a opinión dos hostaleiros, que demandan potenciar o turismo
Por Redacción |
-
Iñaki Bretal, finalista ao premio Cociñeiro do ano 2015
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra estréase en Fitur tratando de atraer máis cruceiristas á cidade
Por Redacción |
-
Pontevedra presumirá de gastronomía en Madrid con motivo da feira Fitur
Por Alejandro Espiño |