Grecia e Pontevedra, unidas durante nove días por un intercambio entre mozos
Por Alejandro Espiño
Grecia e Galicia danse a man en Pontevedra. A cidade do Lérez acolle durante nove días un programa de intercambio xuvenil no que participan unha trintena de mozos e mozas de ambas as dúas rexións. Forman parte da iniciativa Youth Exchange Employ, que busca dar impulso á participación social e laboral da xente nova. Todos eles convivirán durante este periodo, invitados pola Asociación Galega de Percutas Omar.
Dous grupos de mozas e mozos de Grecia (15) e Galicia (15) máis catro líderes participan neste intercambio que pretende fomentar a convivencia intercultural entre gregos e galegos, coa finalidade de compartir experiencias e inquietudes persoais á vez que se favorece a cultura do emprendemento na xente nova e a comunicación noutro idioma, o inglés.
O perfil de participante deste proxecto é a mocidade de entre 16 e 30 anos. Son mozos con menos oportunidades e con motivación por vivir unha experiencia europea con participantes doutros países.
A maior parte dos estudantes estranxeiros proveñen da universidade de Tesalónica, unha cidade situada no norte de Grecia, segundo explicou a secretaria de Youth Exchange Employ, Ioanna Thomopoulou. Estamos moi contentos de estar aquí e colaborar coa mocidade galega, afirmou. Para eles é a súa primeira experiencia neste programa, que por primeira vez nos seus sete anos de vida impulsa un intercambio con Galicia.
A xente nova que participa neste proxecto recibirá formación en materia de emprego e desenvolvemento das súas habilidades personais. A través de diferentes obradoiros, dinámicas grupais e actividades ao aire libre, transmitiranse os coñecementos e valores baseados no intercambio de experiencias e coñecementos entre mozos de ambas culturas, facilitando a mellora das súas posibilidades laborais e aprendendo a través da participación social.
Son mozos con menos oportunidades e con motivación por vivir unha experiencia europea con participantes doutros países
Todas as actividades teñen unha dimensión europea e intercultural xa que animan aos seus participantes a reflexionar en temas europeos e a involucralos na construción de Europa, dando a oportunidade de identificar valores comúns entre as diferentes culturas, e promovendo o respecto pola diversidade cultural e a loita contra o racismo ou a xenofobia.
Trátase de apostar por unha educación "non formal", segúndo Jorge Pérez, anfitrión desta experiencia. Axudamos a que dialoguen entre eles, a que colaboren e reflexionen sobre o que queren facer cando rematen de estudar, explicou. Así, se lles axuda mediante unha serie de obradoiros a coñecer diferentes dinámicas laborais, seguindo os estándares europeos, ou se lles presentan ferramentas para buscar emprego e coñecer programas de voluntariado.
Pero este intercambio tamén inclúe un apartado dedicado ao coñecemento da cultura e das tradicións da rexión que acolle a todos estes rapaces. No caso de Pontevedra, a súa estancia, ademais da recepción oficial que lles brindou o Concello de Pontevedra levaraos, entre outras propostas, a gozar do Entroido destas datas, a protagonizar unha visita guiada polo paseo do río dos Gafos ou a degustar unha cea nun furancho.
Relacionadas:
-
Voluntarios europeos converten Noites Abertas nun evento internacional
-
68 novos estudantes de intercambio fan de Pontevedra un campus políglota
Por Redacción |
-
Meus queridos 'neighbors'
Por Redacción |
-
Quen non quere unha aperta 'de balde'?
Por Oskar Viéitez |
-
O Campus recibe neste primeiro cuadrimestre a 50 alumnos de 14 nacionalidades
Por Redacción |