O Campus recibe neste primeiro cuadrimestre a 50 alumnos de 14 nacionalidades
Por Redacción
Desde o interese que espertaron os plans de estudos das diferentes titulacións, ata a proximidade xeográfica a Portugal, sen esquecer a vontade de moitos de aprender castelán Son múltiples os motivos que neste inicio de curso 2014/2015 trouxeron ata Pontevedra a un total de 50 alumnos estranxeiros, da man do programa Erasmus e dos convenios bilaterais subscritos pola Universidade.
A meirande parte deles reuníronse este luns na Casa das Campás, onde os responsables de diferentes servizos da institución académica lles informaron de todos aqueles recursos que teñen ao seu alcance para que o seu paso por Pontevedra se converta nunha "experiencia inesquecible", como desexou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.
Os dous países que máis estudantes de intercambio achegan ao campus son Brasil, con 11, e México, con 9.
Deste último país proceden Graciela Ramírez e Stephanie López, dúas alumnas da Universidade de Guadalajara que durante o primeiro cuadrimestre se formarán nas aulas dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga).
De México tamén é Mariana Jiménez, que neste caso chegou a Pontevedra desde a universidade italiana de Perugia, onde cursa estudos de Comunicación Publicitaria. O brasileiro Jacks Ricardo Selistre, pola súa banda, chegou da Universidade de Caxias do Sul para formarse en Belas Artes.
No tocante a Europa, Alemaña convértese no país que máis alumnado achega ao campus, un total de sete estudantes, entre os que se atopa Charlotte Jautz.
Tamén acudirán á Facultade de Belas Artes as dúas estudantes polacas que Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre, Marta Guga e Michalina Przybylimska, dúas alumnas de Historia da Arte da Universidade de Lomz, Polonia.
Relacionadas:
-
Grecia e Pontevedra, unidas durante nove días por un intercambio entre mozos
Por Alejandro Espiño |
-
42 novos estudantes estranxeiros aterran no Campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Quen non quere unha aperta 'de balde'?
Por Oskar Viéitez |
-
Os estudantes de Erasmus reparten cariño na praza da Peregrina
Por Redacción |
-
Estudantes Erasmus: Welcome to Pontevedra!
Por Redacción |