Quedan en liberdade os cinco detidos na última redada contra o estraperlo de drogas en locais de ocio
Por Redacción
As cinco persoas detidas na madrugada e a tarde do domingo no marco da última redada contra o tráfico de drogas polo miudo en locais de ocio de Pontevedra quedaron en liberdade tras prestar declaración ante o Xulgado.
A única muller detida, de orixe colombiana, 27 anos e antecedentes policiais, quedou libre sen medidas preventivas, á espera do avance da instrución xudicial da operación Malecón. Os catro varóns, dous cubanos de 38 e 39 anos, un español de 27 e un dominicano de 38, teñen medidas preventivas que os obrigan a comparecer no Xulgado os días 1 e 15 de cada mes.
Tres dos catro varóns detidos son porteiros de dous locais de copas das rúas Bos Aires e Daniel de la Sota e están imputados como presuntos autores dun delito de tráfico de cocaína polo miudo en locais de ocio da cidade.
A investigación que rematou coa detención destas cinco persoas comezouna no mes de setembro de 2014 a Policía Local en relación cos tres porteiros finalmente detidos, ante as sospeitas de que se estarían a dedicar a proporcionar cocaína aos clientes dos locais nos que traballaban. Dous deles compatibilizan ambos os dous negocios, ao ter horarios de apertura diferentes.
Froito desas primeiras investigacións, as policías Local e Nacional despregaron un dispositivo na madrugada do domingo no que sobre as 1.00 horas foron detidos dous porteiros na rúa Daniel de la Sota, sobre as 8.00 horas dúas persoas máis na avenida Bos Aires e ás 16.00 horas o terceiro porteiro no seu domicilio.
No marco deste operativo interviñéronse efectos curiosos como chisqueiros tipo zippo manipulados para poder ocultar droga ou un teléfono móbil tamén manipulado para poder aloxar a substancia no lugar da batería. Ademais, levantáronse catro actas por tenza de substancia estupefaciente que seguirán a vía administrativa, incoáronse tres expedientes por infracción á Lei de Estranxeiría e detectáronse irregularidades administrativas no local das que se dará oportuna conta ás autoridades competentes.
Relacionadas:
-
Ingresa en prisión por subministrar cocaína a porteiros de locais de copas para estraperlo
Por Redacción |
-
Tres porteiros de locais de copas, entre os cinco detidos na última redada antidroga
Por Redacción |
-
Catro detidos e medio cento de identificados nunha redada nun coñecido 'after' de Pontevedra
Por Redacción |