Tres porteiros de locais de copas, entre os cinco detidos na última redada antidroga
Por Redacción
Tres porteiros de dous locais de copas das rúas Bos Aires e Daniel de la Sota figuran entre as cinco persoas detidas na operación Malecón, a última redada contra o tráfico de drogas desenvolvida durante a pasada fin de semana polas policías Local e Nacional de Pontevedra e adiantado por PontevedraViva.
Os tres porteiros están imputados como presuntos autores dun delito de tráfico de cocaína ao 'menudeo' en locais de ocio da cidade. A operación enmárcase dentro do Plan de Resposta Policial ao consumo e tráfico minorista de drogas en zonas e locais de ocio e pechouse coa incautación de 100 doses de cocaína e outros 30 gramos de substancia de corte..
A investigación que rematou coa detención destas cinco persoas comezouna no mes de setembro de 2014 a Policía Local en relación cos tres porteiros finalmente detidos, ante as sospeitas de que se estarían a dedicar a proporcionar cocaína aos clientes dos locais nos que traballaban. Dous deles compatibilizan ambos as dous negocios.
Os axentes municipais levantaron acta de varias vendas de substancia estupefaciente, presumiblemente materializadas polos tres porteiros. Cos datos solicitados a investigación púxose en mans da Policía Nacional e finalmente entre ambos os dous corpos policiais estableceron un dispositivo na madrugada deste domingo 8 de febreiro.
Localizaron 12 papelinas de cocaína ocultas nuns chisqueiros tipo zippo manipulados para poder ocultar a droga
Esa noite sobre as 1.00 horas da madrugada os axentes detiveron dous porteiros na rúa Daniel de la Sota e interviñéronlles 23 papelinas de medio gramo de cocaína cada unha, 12 ocultas nuns chisqueiros tipo zippo manipulados para poder ocultar a droga. A continuación, sobre as 8.00 horas inspeccionouse un dos locais investigados, situado na rúa Bos Aires.
Nese segundo local foron detidas dúas persoas máis que intentaron desfacerse dun teléfono móbil tamén manipulado para poder aloxar no lugar da batería outras seis papelinas de medio gramo cada unha. Ademais, levantáronse catro actas por tenza de substancia estupefaciente que seguirán a vía administrativa, incoáronse tres expedientes por infracción á Lei de Estranxeiría e detectáronse irregularidades administrativas no local das que se dará oportuna conta ás autoridades competentes.
Os axentes tamén realizaron un rexistro no domicilio dun dos porteiros detidos, onde se interveu uns 30 gramos de substancia de corte para a elaboración de dose de cocaína, unha báscula de precisión, tesoiras e multitude tanto de recortes circulares como bolsas con recortes.
Ese mesmo día, sobre as 16.00 horas, foi detido o terceiro porteiro. A lista completa de arrestados intégraa unha muller e catro homes, dous cubanos de 38 e 39 anos, un español de 27 e un dominicano de 38. A muller arrestada ten orixe colombiana, 27 anos e antecedentes policiais.
A operación Malecón foi levada a cabo polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes, coa colaboración da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, a Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras e a Policía Local de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Ingresa en prisión por subministrar cocaína a porteiros de locais de copas para estraperlo
Por Redacción |
-
Quedan en liberdade os cinco detidos na última redada contra o estraperlo de drogas en locais de ocio
Por Redacción |
-
Catro detidos e medio cento de identificados nunha redada nun coñecido 'after' de Pontevedra
Por Redacción |