Ingresa en prisión por subministrar cocaína a porteiros de locais de copas para estraperlo
Por Redacción
Novo asalto na operación Malecón, que no mes de febreiro permitiu a detención de cinco persoas presuntamente vinculadas co estraperlo de drogas nos locais de ocio nocturno de Pontevedra. A Policía Nacional arrestou un mozo que presuntamente subministraba a cocaína aos tres porteiros que, á súa vez, vendían a substancia aos clientes dos negocios. Tras pasar a disposición xudicial, decretouse o seu ingreso en prisión.
O mozo, de 32 anos e veciño de Meis, foi detido o 18 de marzo, 40 días despois da redada na que se desarticulou un grupo de persoas dedicadas á venda de cocaína en locais de ocio da cidade. O seu arresto é froito da análise que realizaron os axentes do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Policía Nacional de Pontevedra dos documentos e dispositivos de almacenamento intervidos na primeira fase do operativo.
O presunto subministrador foi obxecto dun dispositivo de vixilancia e seguimento e, unha vez detido, realizouse un procedemento de entrada e rexistro no seu domicilio. Nesa casa desmantelouse un pequeno laboratorio para a manipulación de cocaína e elaboración das doses para a súa posterior venda ao consumidor final.
Os axentes interviñeron dez papelinas soltas preparadas para a súa venda e outras 1.160 doses nunha rocha de 232 gramos envasada ao baleiro, así como 8.000 euros e máis de 2.500 franco suizo en efectivo. Tamén incautaron toda a ferramenta necesaria para a preparación de papelinas, tales como tesoiras, coitelo, culler, cepillo, muíño, recortes, báscula de precisión e unha envasadora ao baleiro.
Este mozo é a primeira persoa encarcerada por esta operación policial, pois os outros cinco detidos en febreiro quedaron en liberdade provisional tras prestar declaración ante o Xulgado de Garda.
Relacionadas:
-
Quedan en liberdade os cinco detidos na última redada contra o estraperlo de drogas en locais de ocio
Por Redacción |
-
Tres porteiros de locais de copas, entre os cinco detidos na última redada antidroga
Por Redacción |
-
Catro detidos e medio cento de identificados nunha redada nun coñecido 'after' de Pontevedra
Por Redacción |