Este mércores debátese o orzamento municipal que contempla 11,2 millóns de euros en investimentos
Por Redacción
A corporación municipal enfróntase este mércores 7 de xaneiro a unha sesión extraordinaria do Pleno para debater os presupostos para 2015. Na proposta que presenta o equipo de goberno para este ano de eleccións municipais está prevista unha reserva de 11,2 millóns de euros no apartado de investimentos, que se dividiría en cinco seccións coa seguinte repartición:
1. Rural: 4,2 millóns
2. Urbano: 3.200.000 euros
3. Infraestrutura vial: 2,1 millóns
4. Equipamentos: 1,1 millóns
5. Servizos municipais: 600.000 euros.
Os investimentos previstos para o rural contan coa partida máis elevada no capítulo de mellora de accesos con 1.820.000 euros seguido por traballos para o abastecemento de auga potable e construcións de casas de cultura.
No ámbito urbano, a rehabilitación de rúas lévase o fragmento máis grande con 1.550.000 euros, seguido pola mellora da iluminación pública con 300.000 euros.
As infraestruturas viais céntranse nos dous millóns destinados ao desdobramento da Avenida de Vigo e 140.000 euros que están previstos para a rolda urbana.
Os presupostos consideran tamén 500.000 euros para a cuberta do Pavillón Municipal de Deportes, así como 200.000 euros para expropiación de terreos e 50.000 para obras en centros escolares.
Tamén se incluíu un apartado de 600.000 euros para os servizos municipais coa reposición de vehículos da Policía Local, Bombeiros, maquinaria do servizo de obras ou mobiliario urbano.
O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, indicou que "é un orzamento moi investidor e o mellor posible dentro do marco normativo actual", ao referirse a un presuposto no que o 37,5% dos investimentos van destinadas ao rural. Pola súa banda, o PP presentará unha enmenda á totalidade deste orzamento.
Relacionadas:
-
A renovación da cuberta do Pavillón Municipal, aprazada ata o próximo verán
Por Diego Espiño |
-
Adiviñanzas, descualificativos e firmas dubidosas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O goberno local rexeita a "ridícula" emenda á totalidade do PP aos presupostos municipais
Por Oskar Viéitez |
-
O 7 de xaneiro aprobarase o orzamento municipal para 2015
Por Redacción |
-
O PP presentará unha emenda á totalidade do proxecto de orzamentos 2015
Por Natalia Puga |