O goberno local rexeita a "ridícula" emenda á totalidade do PP aos presupostos municipais
Por Oskar Viéitez
"Os cidadáns de Pontevedra merecen unha oposición máis seria e máis responsable", dixo o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Este reproche produciuse á saída da Comisión de Economía na que se debatiron os presupostos municipais para 2015 e na que o grupo do PP veu rexeitada a súa emenda á totalidade "que só tiña dúas carillas".
González Carballo criticou a "absoluta falta de seriedade" dos edís populares ao argumentar a súa oposición ás contas municipais con argumentos que "rozan o ridículo" e acusou de "contraditorios", entre outras razóns, por pedir ao concello que asuma competencias que non lle son propias.
Pola súa banda, o concelleiro do Partido Popular, César Abal, lamentou que o goberno local rexeitase a súa emenda á totalidade dos orzamentos, "a pesar de que condenan a Pontevedra a los intereses de Lores y Louro", dixo en rolda de prensa.
Entre as carencias que o PP bota en falta nas contas para 2015 se encontra o Plan Xeral de Ordenación Municipal, dotar de servizos o Hospital de Monte Carrasco, o transporte público urbano ou o saneamento no rural.
Finalmente, aínda que recoñece que "no es una competencia municipal", César Abal afirma que con este presuposto o goberno local "bloquea el impulso del empleo y del gasto social", que segundo os seus datos baixa do 5,4% no ano 2010 ao 4,5% para o presente exercicio.
O presuposto irá na orde do día do proximo Pleno previsto para o mércores día 7 de xaneiro.