A renovación da cuberta do Pavillón Municipal, aprazada ata o próximo verán
Por Diego Espiño
É unha actuación urxente, pero terá que esperar un ano para realizarse. As obras de reforma da cuberta do Pabellón Municipal dos Deportes non poderán executarse durante este verán, tal e como estaba previsto inicialmente.
Así o confirmou a nova concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, que é consciente da necesidade de solucionar os problemas que sofre a instalación e que ocasionan goteras e humidades durante o inverno.
Pese á intención de acometer esta mellora "canto antes" o tempo botouse enriba debido a unha modificación no proxecto inicial, a petición dos técnicos municipais, para actuar tamén nunha zona que sufría condensación.
Este cambio fai que o orzamento ascenda lixeiramente para roldar os 600.000 euros, obrigando a realizar unha modificación de crédito que deberá ser aprobada nun pleno municipal antes de poder sacar a concurso a realización das obras.
Anxos Riveiro: "Haberá que tirar durante o inverno como se poida"
"Para sacar un concurso deste tipo precisamos uns seis meses", polo que os plans de Riveiro pasan por deixar resoltos todos os trámites administrativos a final de ano e poder acometer as obras ao término da próxima tempada deportiva, sobre o mes de xuño, para prexudicar o menos posible aos clubs deportivos.
Esta decisión supón que "haberá que tirar durante o inverno como se poida", recoñece a responsable municipal de Deportes, consciente dos problemas que deberán afrontar os equipos que se adestran e xogan a diario na instalación.
De fondo, a necesidade dun novo pavillón deportivo na cidade, unha vella aspiración que Anxos Riveiro recoñece como prioritaria pero moi difícil de realizar na actual situación económica.
Relacionadas:
-
O Pavillón Municipal recuperará este verán a cuberta orixinal de Alejandro de la Sota
Por Alejandro Espiño |
-
Crédito de 2,8 millóns para financiar a renovación da cuberta do municipal e outras obras urbanas e rurais
Por Diego Espiño |
-
O PSOE pide que os cartos do arranxo da cuberta do Pavillón se destinen a un campo de herba sintética
Por Redacción |
-
Este mércores debátese o orzamento municipal que contempla 11,2 millóns de euros en investimentos
Por Redacción |