A Lama aproba un orzamento de case 1,4 millóns de euros para 2015
Por Redacción
A Lama contará cun orzamento de 1.384.073,34 euros para 2015, unha cantidade lixeiramente superior á deste ano. Así o aprobou a corporación municipal, unicamente cos votos a favor dos concelleiros do PP. Estas contas contaron coa oposición de PSdeG-PSOE e BNG, ao entender que non resolven os problemas do municipio. O edil non adscrito, Andrés Cal, abstívose.
Este presuposto, segundo explicou Jorge Canda, "é un documento feito con responsabilidade e baseado nas posibilidades económicas reais do municipio". Asegurou que o incremento que se recolle "foi para axudar aos colectivos sociais, impedir que ningún neno da Lama se quede sen actividades extraescolares por problemas económicos e favorecemos o labor de dinamización no rural que realizan as comisións de festas nas parroquias".
O alcalde realizou no Pleno unha explicación pormenorizada dos presupostos que cualificou como "moi similares aos do pasado ano e caracterizado pola conxelación de taxas e a aposta polos colectivos sociais do noso municipio". Así, haberá axudas a ANPAS, ao equipo de fútbol, asociacións de veciños ou entidades culturais e reservaranse partidas para apoiar cada unha das festas parroquiais.
Pola súa banda, o voceiro socialista, Enrique Vaqueiro, manifestou a súa desconformidade co documento ao que riscou de continuísta e que en pouco ou nada solucionará os problemas que padecen os veciños da Lama e centrou a súa oposición ao presuposto en denunciar o labor da empresa que realiza os traballos do servizo de atención a domicilio ás persoas con problemas de discapacidade (SAF).
Estas críticas foron avaladas pola voceira nacionalista, Erundina Louro, quen tamén rexeitou o documento económico nos mesmos termos. Pola súa banda, o edil non adscrito, Andrés Cal, decidiu absterse na votación dos presupostos para o ano 2015.
SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
O seguinte punto da orde do día abordado pola Corporación Municipal centrouse en coñecer a proposta que fixo a Mesa de Contratación para adxudicar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e que ten a proposta presentada por Dolores Gregorio Tato como a de maior puntuación, con 41 puntos de diferenza con respecto ao outro aspirante. O proceso determina a petición dunha serie de documentación así como o depósito do 5% da fianza.
Enrique Vaqueiro e Erundina Louro opuxéronse a que esa empresa resultase adxudicataria do servizo ao considerar que a súa oferta económica (9,72 euros a hora) e as melloras ofrecidas, en materia de fisioterapia, eran inviables e de difícil aplicación práctica para garantir a calidade do servizo a prestar ao tempo que criticaron a presunta política retributiva co seu persoal.
Pola súa banda, o alcalde Jorge Canda ofreceuse a realizar un labor vixiante co fin de garantir o cumprimento íntegro dos compromisos ofertados pola aspirante a concesionaria do servizo e, en caso de incumprimento das bases que rexen o contrato, a denunciar e aplicar as medidas que contempla a lei de contratación pública, que prevé mesmo a rescisión do contrato se se incorrese en infraccións graves.
Unha vez solicitada á aspirante a concesionaria do servizo a documentación e confírmese o depósito da fianza, a adxudicación definitiva do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por catro anos, prorrogables, será sometido a consideración da Corporación nun próximo Pleno que se celebrará no mes de xaneiro de 2015.
Relacionadas:
-
A Lama pecha o ano 2014 cun remanente de tesourería superior aos 319.000 euros
Por Redacción |
-
Pleno bronco na Lama que conclúe cos edís socialistas abandonando a sesión
Por Redacción |
-
Unha parroquia da Lama crea un 'banco de casas' en aluguer para frear o seu despoboamento
Por Redacción |
-
1,8 millóns de euros para mellorar o sistema de abastecemento das parroquias da Lama e Antas
Por Redacción |
-
A Lama pide axuda económica á Xunta para restaurar a vella ponte de Liñares
Por Redacción |