A Lama pecha o ano 2014 cun remanente de tesourería superior aos 319.000 euros
Por Redacción
Un total de 319.034 euros. Esa é a cifra á que ascende, segundo os datos desvelados polo goberno municipal, o remanente de tesouraría do Concello da Lama.
Este resultado queda reflectido na liquidación do exercicio 2014 e confirma, destacou Jorge Canda, "a estabilidade presupostaria e a solvencia do Concello". Con iso, a débeda viva do municipio situarase a finais deste ano nun 10%, "moi por debaixo" dos máximos que autoriza o Ministerio de Facenda e que o converte en "un dos menos endebedados da comarca".
Ante este nivel de endebedamento, Canda manterá a decisión de destinar unha pequena parte do presuposto cada ano á amortización desta débeda, "pero sen renunciar a realizar investimentos". Así mesmo, o rexedor da Lama adiantou que se reducirá a actual débeda co ICO duns 176.000 euros a tan só 139.000 euros.
O préstamo a interese cero que se mantén coa Caixa de Anticipos da Deputación manterase co fin de dispoñer da liquidez suficiente para afrontar o inmediato pagamento a provedores cuxa media de cumprimento non chega a alcanzar, na actualidade, os 20 días unha vez presentada a factura no Concello.
Por outra parte, Jorge Canda manifestou a súa satisfacción polo nivel de execución presupostaria realizada durante o pasado ano onde se alcanzaron os 2.366.000 euros no capítulo de ingresos. Iso permitiu realizar obras e intervencións en distintas infraestruturas do municipio que fixeron que A Lama pasase dun presuposto inicialmente aprobado para o ano 2014 de 1.300.000 aproximadamente a case o dobre.