1,8 millóns de euros para mellorar o sistema de abastecemento das parroquias da Lama e Antas
Por Redacción
O Consello da Xunta de Galicia aprobou este xoves a colaboración técnico-financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello da Lama para a execución da obra de mellora do abastecemento nas parroquias da Lama e Antas.
O goberno galego, a través de Augas de Galicia, achegará un importe económico de 1,8 millóns de euros para a execución destas actuacións hidráulicas no citado municipio pontevedrés, financiando así a totalidade deste proxecto.
Este novo sistema de abastecemento para as parroquias da Lama e Antas prevé unha captación por dous pozos filtrantes e unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) ao pé do río Verdugo.
A ETAP está deseñada para un caudal de 14 litros por segundo, desde a que se bombeará a auga ata un novo depósito de cabeceira localizado no Monte Peón, mellorando a calidade de vida dos cidadáns, neste caso, de preto de 1.455 veciños da Lama.
O novo depósito de cabeceira comunícase cos depósitos existentes da Lama, co do polígono industrial de Racelo e co que abastece a parroquia de Antas.